Medio milleiro de persoas móllanse polos ríos e retiran oito toneladas de lixo!

Imaxe: Proxecto Ríos/Adega

A XI Limpeza Simultánea “Móllate polos ríos” celebrouse en 53 concellos coa participación de setenta entidades, actuando en 34 treitos de río.

Houbo grupos grandes e pequenos, de nenos e nenas e de maiores. Limpáronse grandes ríos e tamén pequenos regatos, pero todas e todos tiñamos o mesmo obxectivo: coidar os nosos ríos e concienciar á sociedade da necesidade de que estean ben conservados.

Recolléronse refugallos de todo tipo, e coma sempre abundaron os plásticos (botellas, garrafas, bolsas, sacos…). Apareceron tamén rodas de automóbiles, cristais, unha cadeira de escritorio, unha colchoneta de praia, plásticos de silo, cascallos, ferralla, pilas, electrodomésticos, un sofá, uralitas. As toalliñas húmidas volveu ser do lixo máis abundante. Apareceu tamén roupa, calzado…

No reconto preliminar, o Proxecto Ríos calcula que os residuos de tódolos concellos suman máis de 8 toneladas, pero debemos lembrar que o noso principal obxectivo non era este. O voluntariado ambiental non é man de obra barata que poida suplir o traballo da administración, somos, por outra banda, unha masa de xente que axuda a concienciar á sociedade. O voluntariado denuncia que a situación dos nosos ríos debe mudar, e para iso facemos actividades como esta.

Proxecto Ríos é un proxecto financiado por Augas de Galicia e a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio. A actividade conta coa colaboración da Fundación Biodiversidad e da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, así como cos concellos de A Estrada, Allariz, Arzúa, Carballo, Fene, Gondomar, Lugo, Nigrán, Ponteareas, Rianxo, Ribadumia, Salceda de Caselas, Santiago de Compostela, San Sadurniño, Teo, e Tomiño.

Parabéns a todas e todos!

Proxecto Ríos

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*