“A primavera das letras sodes vós”

Nenas e nenos dos tres colexios premiados na segunda edición do concurso Contádenos o voso Día das Letras visitan a Real Academia Galega.

A Real Academia Galega púxolle este martes o ramallete ao Primavera das Letras 2018, o proxecto dirixido a celebración do 17 de maio nas escolas de todo o país. E fíxoo, como non podía ser doutro xeito, tendo como convidados especiais aos principais protagonistas: os nenos e nenas. Ata a sede da RAG desprazouse o alumnado da Escola de Educación Infantil do Milladoiro (Ames), do CPI Virxe da Cela (Monfero) e do CEIP Anxo da Garda (A Coruña), que foron os centros que resultaron premiados no sorteo do certame ‘o voso Día das Letras’.

Canda eles, para recibilos estivo o presidente da institución, Víctor Freixanes, a académica Fina Casalderrey e tamén Pedro Ferriol, o viúvo de María Victoria Moreno; Francisco Castro, director xeral de Galaxia; Andrea Jamardo, de Urco Editora; e Teresa Rocamonde, responsable de comunicación de Bolanda. Escusou a súa presenza Fran Alonso, de Xerais, editora que canda as outras tres participan no certame doando lotes de libros.

“O corazón da causa da lingua”

Os docentes dos centros que participaron no acto agradeceron á Academia a posta en marcha dun proxecto que serve para fornecer de material didáctico arredor da autora que é homenaxeada cada ano. Outros, coma Francisco Castro, subliñaron a importancia de iniciativas que serven para abrir a RAG á sociedade, e, en particular, ás xeracións máis novas. A este respecto, Freixanes agradeceu en especial a participación dos centros: “moitas grazas a todo o profesorado, porque vós sodes o corazón da causa da lingua e desta Primavera das Letras que celebramos”.

Con este acto, péchanse as actividades do Primavera das Letras 2018, que comezou o pasado mes de febreiro cunha presentación no colexio Marcos da Portela, en Monteporreiro (Pontevedra). Ao longo destes meses, en especial durante a primavera, a RAG lazou diverso material didáctico destinado a achegarlle a vida e obra de María Victoria Moreno aos escolares de infantil e primaria. Tamén se convocou por segundo ano consecutivo o certame ‘O voso Día das Letras’. Nesta ocasión participaron no concurso máis de oitenta centros de toda Galicia.

“A primavera das letras sodes vós”, díxolles aos alumnos e alumnas Fina Casalderrey, quen lles deu a benvida á “casa das letras, a casa das palabras”. “Aquí estúdanse as palabras, e tamén se curan aquelas que o precisan para despois deixalas voar libres, e para dalas a coñecer”, explicoulles. A celebración foi, ademais dunha homenaxe a María Victoria Moreno, un recoñecemento público da profesión docente, que exerceu a escritora.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*