A importancia do almorzo para a saúde cardiovascular na infancia

Unha investigación atopa que os malos hábitos causan na rapazada maiores niveis de colesterol, ácido úrico e resistencia á insulina.

Investigadoras do Instituto de Innovación e Sustentabilidade na Cadea Agroalimentaria (IS- FOOD) da Universidade Pública de Navarra (UPNA) publicaron un traballo de investigación no que mostran que a calidade do almorzo asóciase con importantes factores de risco cardiovascular e metabólico en nenos e nenas con sobrepeso (mesmo naqueles con boa forma física que practican exercicio a diario).

As autoras do artigo, publicado na revista “ Nutrients”, observaron que aqueles menores que consumían almorzos con peor calidade nutricional e maior densidade enerxética (entendida como máis cantidade de calorías por gramos de alimento) tiñan maiores niveis de colesterol e de ácido úrico e unha maior resistencia á insulina. As investigadoras conclúen que os programas de educación nutricional para mellorar a saúde cardiovascular da poboación pediátrica deberían incluír recomendacións específicas dirixidas a diminuír o consumo de alimentos de alta densidade enerxética nesa primeira comida do día.

“O almorzo non só é a primeira comida do día, senón que tamén se pode considerar a máis importante —sinala Idoia Labayen, profesora do Departamento de Ciencias da Saúde—. A pesar diso, moitos nenos van ao colexio sen almorzar, o que fai que cheguen máis famentos á hora para comer e poidan inxerir máis cantidade da que lles correspondería. A ausencia do almorzo foi previamente relacionada co exceso de graxa e outros trastornos asociados, polo que a promoción do almorzo xa se está utilizando como parte da estratexia na prevención da obesidade infantil”.

Calidade no almorzo

Con todo, máis aló de almorzar ou non, a calidade da primeira comida do día tamén é relevante e aquela foi a temática deste traballo de investigación. “Avaliamos os hábitos dietéticos do almorzo dun total de 203 escolares de 8 a 12 anos con exceso de peso, indica Idoia Labayen. Con eses datos, observamos que un 13% dos nenos non almorzaba a diario e que aqueles que consumían almorzos con peor calidade nutricional e con maior densidade enerxética tiñan maiores niveis de colesterol e de ácido úrico en sangue e unha maior resistencia á insulina. Precisamente, unha maior densidade enerxética do almorzo repercutía negativamente no metabolismo da glicosa, mesmo naqueles nenos que cumprían coas recomendacións diarias de actividade física: 60 minutos, en intensidade moderada a vigorosa”.

As investigadoras subliñan que os programas de educación nutricional para mellorar a saúde cardiovascular e metabólica da poboación infantil deberían poñer o foco na diminución do consumo de alimentos de alta densidade enerxética, como “os produtos ultra-procesados, comunmente presentes nos almorzos infantís”, segundo Idoia Labayen.

As autoras deste artigo, adscritas ao Grupo de Nutrición, Exercicio Físico e Saúde (Elikos) do Instituto IS-FOOD, son Lide Arenaza Etxeberria, Idoia Labayen Goñi, María Medrano Echeverría e Maddi Osés Recalde, xunto a investigadores da Universidade de Granada.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*