Manifesto contra a violencia machista

Texto gañador do Primeiro concurso contra a violencia machista do IES de Arzúa:

Estamos fartas. Moi fartas.
Fartas de que nos reduzan, fartas de que nos humillen, fartas de que nos violen,
fartas de que nos asasinen.
Estamos fartas. Moi fartas.
Fartas dunha sociedade que chama desequilibrado a quen nos mata,
coma se o machismo fose unha enfermidade que afecta a un de entre mil.
Fartas dunha sociedade que consinte coa boca pequena
e aplaude coas mans manchadas un sistema inaguantable.
Fartas dunha sociedade que humilla ás denunciantes e culpabiliza ás vítimas.
Fartas dunha sociedade que educa para non provocar en vez de dar indicacións
para non violar.
Fartas dunha sociedade que fomenta o odio cara a nós mesmas e cara ás demais
para ternos rotas.
Fartas dunha sociedade que vende vasoiras rosas ás futuras meigas
e motoserras azuis ós próximos verdugos.
Fartas dunha sociedade que nos borra da historia para facernos crer que non
podemos construíla.
Fartas dunha sociedade que nos oculta na linguaxe para que vaiamos asumindo
que “somos menos ca eles”.
Fartas dunha sociedade que nos cre afortunadas por entrar “gratis” ás discotecas.
Porque cando non pagas por un produto, o produto es ti.
Fartas dunha sociedade que nos culpabiliza e os xustifica.
Fartas porque a violencia de xénero non é un inesperado raio que estala nun día
soleado. É un lóstrego que forma parte dunha tormenta omnipresente que nos
vixía a todas e a cada unha das mulleres día a día.
Fartas estamos do patriarcado, da cosificación, da hipersexualización, do acoso,
dos roles de xénero, do teito de cristal, a cultura da violación, a violencia de
xénero… Fartas de todo.
Estamos fartas de calar, de agocharnos, de aguantalo.

Parabéns á autora, Parabéns Lucía Budiño Carril!

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*