2º Certame de Recolla das Imaxes do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués

Prazo aberto para a recepción de imaxes no concurso de Ponte… nas Ondas!

O Patrimonio Cultural Inmaterial ( PCI ) é un conxunto inmenso de expresións herdadas do pasado que tiñan presenza nos recordos das persoas que os vivían e se encargaban de transmitilos ás seguintes xeracións. Coa aparición da fotografía moitas desas expresións pasaron a ter unha realidade física máis aló da mente das persoas. Dende principios do século moitas foron as imaxes que se tomaron das expresións culturais espalladas ao longo da Eurorrexión Galicia e Norte de Portugal.

A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas! ( ONG consultora para o PCI acreditada pola UNESCO ) leva anos defendendo a recuperación e transmisión do patrimonio cultural inmaterial galego-portugués.

Para transmitir e divulgar este patrimonio Ponte…nas ondas! propón incluílo nas programacións educativas e incorporalo á practica diaria nas aulas como xeito de transmisión ás novas xeracións.
Ponte…nas ondas! quere propor con esta iniciativa que se recuperen e poñan en valor as fotografías con valor patrimonial para que poidan ser usadas no ámbito escolar, pola carga didáctica que atesouran, e para seren coñecidas polo público en xeral e contribuír así ao tránsito do ámbito analóxico para o entorno dixital . Somos conscientes de que para esta actividade será imprescindible a colaboración das familias dos alumnos e alumnas que agradecemos de antemán.

Aquí podes entrar no formulario para enviar imaxes ao certame.

Aquí podes ver imaxes gañadoras da primeira edición

BASES
1.- O certame terá dúas categorías:
Na primeira poderá participar o alumnado de Infantil e Primaria. En Portugal a primeira categoría incluirá o Ensino Básico e Segundo Ciclo.
Na segunda poderá participar alumnado de Secundaria, Bacharelatoe Ciclos Formativos. En Portugal na segunda categoría poderán participar do terceiro Ciclo en adiante.

2. As fotografías deberán conter imaxes de calquera aspecto relacionado co Patrimonio Cultural Inmaterial e estar tomadas en datas anteriores a 1970.

3. Presentaranse dixitalizadas, coa maior resolución posible, nun dos formatos habituais: jpg, mpeg, bmp…

4. Cada imaxe acompañarase dun texto libre onde se poderán detallar os datos básicos da foto: onde está tomada, quen aparecen nela, data aproximada na que foi feita e unha explicación do que se ve, relatando a relación desa imaxe co Patrimonio Cultural. O texto terá unha extensión máxima de 150 palabras na 1ª categoría e de 250 na 2ª e poderá mandarse en formato Word, OpenOffice, PDF ou manuscrita e escaneada

5. As fotografías serán inéditas aínda que nesta convocatoria, e de xeito excepcional, admitiranse as recibidas na anterior edición e que foron eliminadas por non ter o texto do que se fala no artigo 4.

6. Cada centro educativo poderá participar coa cantidade de fotografías que desexe.

7. Cada participante só poderá achegar fotografías que sexan propiedade da súa familia sendo motivo de exclusión do certame a aportación de imaxes de fóra dese ámbito.

8. Fóra de concurso poderán participar enviando fotografías persoas e entidades que non pertenzan aos sistemas educativos. O xurado valorará as súas achegas podendo facer mención daquelas imaxes que, ao seu xuízo, sexan salientables.

9. Un xurado formado por fotógrafos, etnógrafos e antropólogos de Galicia e do Norte de Portugal valorarán a calidade e o interese patrimonial das fotografías recibidas e o seu valor como mostras do patrimonio inmaterial galego-portugués, así como a do texto que a acompañe.

10. Premios:
1. 1ª Categoría:
• 1º premio: Un ordenador portátil para a familia remitente da fotografía gañadora
• 2º premio: unha tablet de 10”
3º premio: unha cámara dixital compacta
2. 2ª Categoría:
• 1º premio: Un ordenador portátil para a familia remitente da fotografía gañadora
• 2º premio: unha tablet de 10”
3º premio: unha cámara dixital compacta

3. Premio Especial: unha cámara de fotos reflex que recibirá aquela escola que mande o conxunto maior de fotografías que, ao xuizo do xurado, teñan grande relevancia polo seu contido.

11. En caso de que, a xuízo do xurado, ningunha fotografía acade a calidade requirida, poderá deixarse deserta algunha das categorías.

12. A participación no Certame supón de que se autoriza a exhibición das fotografías remitidas que poderán ser utilizadas nas escolas como recursos didácticos.

13. O prazo de presentación das fotografías comezará o día 16 de novembro de 2018 ( Día internacional do patrimonio ) e rematará o 30 de abril de 2019.

14. O sistema para o envío das fotos será a través da páxina www.escolasnasondas.com, seguindo as instrucións que alí aparecen.

15. Criterios de avaliación das obras. Valoraranse, por esta orde:
Que sexa reflexo dunha práctica de Patrimonio Inmaterial: a fotografía debe mostrar unha tradición ou expresión do Patrimonio reflectindo ao máximo posible a súa esencia. A maiores, o texto que acompañará a fotografía axudará a entender o patrimonio que se mostra.
Calidade da proposta visual que teña a propia fotografía.

16. Os resultados do certame faranse públicos no mes de setembro do 2019, sendo a propia Asociación quen se porá en contacto cos gañadores ou gañadoras.

17. Calquera cuestión que, non estando contemplada nas bases, xurda ao longo do proceso do certame, será solventada coas directrices que dará o xurado sendo estas de obrigado cumprimento.

18. A decisión do xurado considerarase inapelable non podendo ser obxecto de ningunha reclamación.

19.-Para calquera aclaración respecto a este certame: ondas@pontenasondas.org

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*