Letras 2019: Comeza o ano #AntonioFraguas

“Eu traballei sempre por e para Galicia. Unhas veces acertei, outras non; pero en todo canto levo feito puxen sempre toda a miña ilusión, todo o pouco que sei, sen esperar nunca nada a cambio. A miña modesta obra non é máis que un pequeniño gran de area no montón que foron facendo todos aqueles que, de moi distintas maneiras e cadaquén ó seu xeito, traballaron ó longo dos anos, traballan agora e seguirán traballando arreo no futuro, sempre desinteresadamente, non máis que polo ben de Galicia. Por amor á nosa Terra.”

Con estas palabras do propio Antonio Fraguas Fraguas (Loureiro, Cotobade, 1905 – Santiago de Compostela, 1999), ábrese a biografía do intelectual que, na web da Real Academia Galega, asina o académico correspondente Clodio González. Neste espazo específico iremos atopando ao longo deste 2019 imaxes, documentos, novas, reportaxes e entrevistas arredor de quen este ano será o homenaxeado co Día das Letras Galegas. Un home que desde mozo e, en palabras do biógrafo, desenvolveu un importante traballo “desinteresado, silandeiro e constante a prol da nosa cultura, sen nunca agardar nada a cambio”.

Antonio Fraguas, membro das Irmandades da Fala, do Seminario de Estudos Galegos e director do Museo do Pobo Galego, dedicou a vida ao estudo da cultura e do territorio galegos desde distintos eidos, con especial atención e mestría á antropoloxía. O seu labor contribuíu ademais a defender o galego como lingua de expresión válida para calquera coñecemento, unha idea que segue a ser preciso reivindicar. O concello de Cerdedo-Cotobade acollerá o vindeiro 17 de maio o acto central do Día das Letras Galegas dedicado a Antonio Fraguas e a Real Academia Galega celebrará o seu pleno extraordinario na localidade natal do historiador e etnógrafo.

O tesouro da cultura popular

O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, inaugura ademais o ano na sección “Tribuna” cun artigo no que, alén da súa crónica vital “construída desde a coherencia e a lealdade ao seu país”, destaca a utilidade pedagóxica da figura de Antonio Fraguas. “Abre para todos nós a explicación profunda da nosa identidade: o tesouro inmenso da cultura popular”, conclúe.

“O noso idioma resistiu non nas cátedras da universidade nin nas cadeiras de elevadas institucións, senón na xente do común, os máis humildes, na Galicia labrega e mariñeira da que fala o poeta que, malia as leis asoballadoras da historia, mantivo ergueita a propia voz, labrada na pedra dos canteiros, na rella do arado, na música dos camiños, nos cantares de romaría, nos refráns, nas adiviñas, nas mans encalecidas do traballo, mais tamén no berce dos arrolos e os bicos das nais. De todo ese universo, extraordinariamente rico, trata a obra de Antonio Fraguas”, expresa o presidente da RAG.

Espazo adicado a Antonio Fraguas Fraguas na web da Real Academia Galega

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*