21 días co galego e +

A iniciativa de dinamización lingüística xurdida na Pobra medra cara a outros catro centros.

“21 días co galego” naceu en 2013 no IES da Pobra do Caramiñal, da man da profesora Pilar Ponte. Logo de cinco edicións de éxito na posta en valor do galego entre a mocidade, que fixeron a iniciativa merecedora dun premio de innovación, a Secretaría Xeral de Política Lingüística axudará a estender a proposta a outros catro institutos:
O IES Pontepedriña de Santiago de Compostela
O IES Antón Alonso Ríos de Tomiño
O IES Otero Pedrayo de Ourense
O IES Francisco Daviña Rey de Monforte de Lemos

Esta programa de dinamización lingüística nace para que os adolescentes falen máis o galego e perfeccionen o seu uso dentro e fóra dos centros educativos. Alén diso, búscase tamén que analicen a súa relación coas linguas que coñecen, e máis concretamente co galego, para ver cal é o lugar que ocupa e pode ocupar na súa vida.

Serán así nesta edición 95 docentes e 1.316 alumnas e alumnos da ESO, de bacharelato e de FP con idades comprendidas entre os 2 e os 18 anos, os que participarán este ano: comprométense a falar soamente en galego as 24 horas do día durante as 21 xornadas que dura o programa; é dicir, desde o 14 de xaneiro ata o 3 de febreiro de 2019, dentro e fóra do centro de ensino.

“As accións que xorden desde a base, neste caso desde as persoas que traballan todos os días coa mocidade e a coñecen ben, son moitas veces as máis efectivas”, valorou o secretario xeral, Valentín García, indicando que “combaten algúns dos impedimentos que, segundo os expertos, lles impiden a mozos e mozas que desexan falar o galego dar o paso de facelo cos seus iguais: a rutina, certas convencións sociais, a falta de apoio ou a falta de reflexión sobre as propias decisións lingüísticas e as súas consecuencias”.

O Blog do Programa: https://blogs.xunta.gal/21diascogalegoemais/

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*