
Elaborado polo EDL do CEIP Antonio Palacios.
Desde o equipo de dinamización da lingua galega do CEIP Antonio Palacios, Nuria Rodríguez Domínguez e Miriam Campos Leirós fannos saber deste proxecto de blog de recursos e materiais que fixeron público na véspera do Día de Castelao. Tal e como explican, ante a imposibilidade de atopar materiais adaptados para os máis pequenos, decidiron elaborar un banco de recursos para dar a coñecer a esta figura tan relevante da historia de Galicia do século XX.
Así que, tras traballar a vida e obra deste autor co alumnado presentaron unha serie de tarefas que eles mesmos deseñaron e elaboraron co fin de achegar o coñecemento do o autor a toda a comunidade educativa.
Entre outros contidos podemos atopar: biografía en cómic, biografía en pictogramas, unha liña de tempo da súa vida, unha adaptación dalgunhas das súas ilustracións que realiza alumnado de sexto de Primaria, unha actividade interactiva que amosa as viaxes que fixo Castelao e os motivos que o levaron a eses lugares, e un cuestionario e unha sopa de letras.