Xoán Curiel homenaxea a Antonio Fraguas nos escenarios do programa FalaRedes durante esta primavera.
Xa está aquí unha nova edición do FalaRedes, o programa de dinamización do galego da Secretaría Xeral de Política Lingüística que se centra en ampliar a oferta de ocio na nosa lingua para nenos e non tan nenos en concellos pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística, en promover o uso e a valoración positiva do galego e en apoiar os artistas que desenvolven o seu traballo neste idioma.
FaRedes 2019 abriu cunha actividade, Canta, miña pedra, canta, que suma a todos estes obxectivos outro máis: o de renderlle homenaxe ao autor das Letras deste ano. Da man do músico Xoán Curiel, que volve ao programa tras os seus éxitos con Estamos no véran!!! e A casa do terror, e da contadora Charo Pita, FalaRedes ofrece un espectáculo que combina as narracións orais coas cantigas que don Antonio Fraguas, a quen este 2019 se lle dedicará o 17 de maio, recolleu nas súas Aportacións ao Cancioneiro de Cotobade.
Co obxectivo de que o público que ve o espectáculo poida seguir afondando na lectura en galego e no coñecemento do noso patrimonio lingüístico e literario unha vez que a actuación finalice, cada familia asistente recibirá antes de marchar unha pequena antoloxía de narracións tradicionais de Galicia escolmadas por Quique Harquindey e Maruxa Barrio titulada O fillo do rei e outros contos populares.
Dirixido a público de 6 a 12 anos e ás súas familias, Canta, miña pedra, canta, chega esta primavera a 14 concellos da Rede de Dinamización Lingüística: Ames, Arteixo, Boiro, Noia, O Grove,Vilagarcía de Arousa, Cangas, A Estrada, Monterroso, Vilalba, Mondoñedo, Barbadás, Ourense e O Carballiño. E coma sempre no FalaRedes, a entrada é libre e de balde ata completar a capacidade das salas. Toda a información sobre a nova edición xa está dispoñible no Portal da Lingua Galega en www.lingua.gal/FalaRedes.
AXENDA
Axenda de FalaRedes 2019. Canta, miña pedra, canta | |||
---|---|---|---|
Data e hora |
Lugar |
Concello |
Provincia |
Sábado 23 de marzo, 19:00 horas | Coliseo Noela | Noia | A Coruña |
Domingo 24 de marzo, ás 18:00 horas | Auditorio Carmen Estévez | Vilalba | Lugo |
Sábado 30 de marzo, ás 12:00 horas | Auditorio do Centro Cívico e Social | Arteixo | A Coruña |
Sábado 30 de marzo, ás 17:30 horas | Salón de actos do Centro Sociocultural | Monterroso | Lugo |
Sábado 13 de abril, ás 18:00 horas | Auditorio Municipal | Ourense | Ourense |
Sábado 14 de abril, ás 19:00 horas | Casa da Cultura Manuel María | Barbadás | Ourense |
Xoves 18 de abril, ás 19:00 horas | Praza Maior | O Carballiño | Ourense |
Sábado 20 de abril, ás 18:30 horas | No salón de actos da Casa da Xuventude | Mondoñedo | Lugo |
Venres 26 de abril, ás 18:00 horas | Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey | O Grove | Pontevedra |
Sábado 27 de abril, ás 18:00 horas | Auditorio Municipal | Cangas | Pontevedra |
Sábado 4 de maio, ás 12:00 horas | Salón García | Vilagarcía de Arousa | Pontevedra |
Venres 10 de maio, ás 18:00 horas | Casa da Cultura Ramón Martínez López | Boiro | A Coruña |
Sábado 11 de maio, ás 12:00 horas | Teatro Principal | A Estrada | Pontevedra |
Venres 31 de maio, ás 18:00 horas | Casa da Cultura de Bertamiráns | Ames | A Coruña |