“Os centros educativos deben converterse en foros de deliberación e debate que contribúan a formar cidadáns críticos”

Nova Escola Galega considera inadmisible o sucedido no Instituto de Cedeira e comunica a seguinte reflexión.

Achegamos íntegro o comunicado:

“O movemento de renovación pedagóxica Nova Escola Galega, que leva catro décadas contribuíndo á construción dunha escola pública e democrática, considera inadmisibles os sucesos acontecidos hai apenas uns días no IES Punta Candieira, de Cedeira onde, por indicación das autoridades educativas, foi retirado –nunha decisión que só pode ser considerada como un acto de pura censura– un mural que recollía un poema elaborado por parte do alumnado do centro.

Que a retirada da referida obra colectiva do alumnado fose consecuencia, como semella, de que algunha persoa se vise incomodadapor expresións vertidas no poema –ODIO ESPAÑA, talvez– non vén senón agravar a situación creada. Ninguén aprende nada positivo ao ver que unha obra colectiva é retirada sen máis, pois só pode percibir que hai cousas que se poden dicir –sempre sen agredir persoalmente a ninguén– e cousas que non. Consiste nisto a formación dos cidadáns do futuro? Cal é ese futuro que nos espera, entón? Por que a esa persoa supostamente ofendida non se lle ocorreu colocar un mural paralelo ao lado no que se dixese, por exemplo, AMO ESPAÑA? A ensinanza sería a mesma? Non, claro que non, pois neste caso o alumnado do centro comprendería que non todas as persoas pensamos da mesma maneira sobre unha realidade dada… e que esa realidade –e o mundo mesmo– ten que ser construída entre todos, entre todas, admitindo perspectivas contrarias á nosa.

Pero a gravidade da situación creada non acaba aí. Toda a acción da administración educativa se derivou, segundo parece, dunha denuncia anónima –absolutamente covarde e deshonesta, polo tanto-. Desde cando a administración educativa se move por estes parámetros? É ese o seu cometido como garante dun sistema educativo democrático, participativo, dunha educación para todos e para todas?Sexamos serios ou corremos o perigo de converter a realidade educativa galega nunha sorte de patio veciñal onde os dixomedíxomes estean á orde do día.

Non educamos retirando carteis ou impedindo abordar cuestións que poidan preocupar con algunha apreciable intensidade o alumnado e o profesorado, senón, polo contrario, tomando eses asuntos, preocupacións ou provocacións como materia de reflexión sobre os valores, co horizonte da educación ética e estética necesarias, nun clima ordenado e laborioso da vida dos centros escolares. Máis aínda, debe ser enfatizada a contradición inmensa que supón retirar a exposición baixo o suposto de que “incita ao odio e prexudica a convivencia”, amparándose nas referidas denuncias anónimas e sen sequera dar a oportunidade aos organizadores de defenderse desas acusacións. Que aprendizaxe pode concluír o alumnado de tal maneira de proceder de quen ten a obrigación de velar pola súa formación?

Todos estes acontecementos circunscríbense nun momento concreto e nunha realidade – educativa e política– tamén moi concreta. Non é a primeira vez que se censuran traballos colectivos de alumnado e profesorado. Calquera cousa que non lle guste a alguén –con poder– pode ser obxecto de retirada sen máis. E esta maneira de actuar está provocando tamén a existencia –talvez por primeira vez na historia recente– de centros espidos, aqueles con paredes, con taboleiros, nos que non se colga nada que non sexa politicamente correcto, ben sexa pola censura explícita que este comunicado pretende denunciar ou –o que é peor– pola autocensura produto daquela. E está provocando ao tempo, que a realidade de moitos centros educativos diste moito da súa desexable conversión en proxectos colectivos, nos que sexa posible formarse e aprender tamén fóra das aulas, confrontando o noso pensamento co daquelas persoas coas que convivimos todos os días.

Coincide tamén este intolerable suceso acontecido en Cedeira coa paulatina conversión de boa parte das direccións dos centros educativos en correa de transmisión dunha administración educativa ao servizo dunha doutrina política determinada, tornando cada vez máis utópica a idea dunha escola democrática. Ben é certo que esta situación é produto, en parte, da inhibición dun sector importante do profesorado á hora de asumir tarefas de responsabilidade organizativa.

E coincide, igualmente, con outras denuncias no ámbito educativo das que tivo coñecemento a opinión pública ultimamente, relacionadas coa utilización do galego como lingua vehicular ou con calquera circunstancia que non sexa do agrado dunha parte da Inspección educativa que, lonxe de cumprir o seu cometido, desenvolve o seu labor cun nesgo partidista evidente e igualmente intolerable. Ou, cantas denuncias ou chamadas de atención se produciron por algo tan elemental como non respectar os períodos lectivos de ensinanza da lingua galega en certos centros educativos? Serán necesarias as denuncias anónimas para que a Inspección actúe neses casos? De verdade que actuaría aínda que esas denuncias se producisen?

Afortunadamente, a profesionalidade da inmensa maioría do profesorado galego impide que esas denuncias existan. A mesma profesionalidade que debe esixirse dos demais chanzos do sistema educativo.

Ames, 8 de abril “

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*