Pondaliana, un libro disco ilustrado por Leandro Lamas con poemas musicados de Eduardo Pondal

Proxecto da Mesa pola Normalización Lingüística e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG).

Pondaliana contén quince poemas musicados dun dos grandes escritores da literatura galega, Eduardo Pondal. O cedé, ilustrado por Leandro Lamas, é froito da colaboración de máis dunha ducia de músicos coordinados polo profesor Francisco Rodríguez e pola Sociedade Cultural Medulio, impulsora do proxecto. Está á venda nas librarías e na tenda da web da Mesa pola Normalización Lingüística, por 12 euros (9’60 euros, para socias e socios).

O proxecto Pondaliana ideouse hai xa catro anos ao abeiro da Sociedade Cultural Medulio para conmemorar o centenario do pasamento dun dos grandes clásicos da literatura galega do XIX, Eduardo Pondal. Daquela, a entidade ferrolá artellara un espectáculo audiovisual que foi presentado en xuño de 2017 no Teatro Jofre da cidade naval. O presidente da AS-PG, Xoán Costa, lembra que “musicar poemas dos grandes poetas é frecuente noutras literaturas e países” e engade que “o disco ofrece unha visión distinta da que acotío se ten de Pondal, cunha ampla variedade de ritmos e estilos que demostra que a poesía dos nosos clásicos está perfectamente inserida na modernidade musical”.

Francisco Rodríguez, promotor da iniciativa, asegura que o disco “rompe clixés e estereotipos sobre o poeta, sobre a poesía galega do XIX, e leva a gozar con algo que moita xente pensaba superado e outra mira cos ollos da reticencia e mesmo de desdén”. “É unha síntese ilustrativa do mundo pondaliano”, asegura, “que, malia as súas contradicións, non é esa caricatura que se quere facer del como racista, machista ou pederasta. Xa se sabe o éxito que teñen entre nós as descualificacións á lixeira sobre valores da cultura nacional, emitidas con máis atrevida ignorancia e mala intención que con rigor e coñecemento de causa”. Por todo iso, para o profesor ferrolán “un dos maiores acertos e que rechamarán a quen escoite o cedé é que vai atopar co ramiño musical máis variado que seguramente escoitou nunca na música galega”. E engade que “todo o traballo foi feito desinteresadamente, por convicción e por persoas que deben partillar as profesións das que comen, con esta dedicación a espallar o valor da nosa poesía clásica, neste caso o de Eduardo Pondal, que ben o necesita”.

Músicos como Xoán Padín, Alberte López, Lidia Piñeiro, Roberto Vázquez, Alberte Maceiras, Andrés Pazos ou Alberte Núñez foron seleccionando os poemas e propoñendo melodías e ideas musicais para cada un deles. Andrés Pazos, un dos protagonistas do traballo, asegura nunha ampla peza publicada ao respecto por Sermos Galiza que o proceso creativo do disco “foi moi ecléctico, xa que recolle as visións musicais de varias persoas”. O profesor de piano do Conservatorio Xan Viaño de Ferrol sinala que a complexidade de dotar de melodía e instrumentación os poemas de Pondal vén dada pola complexidade da súa propia poesía. Segundo Pazos, “cando os poemas son simétricos, é mais doado poñerlles música que cando son irregulares”.

Outra das participantes activas do proxecto é a vocalista Lidia Piñeiro. Para ela, un dos aspectos máis interesantes do proceso creativo foi ver a transformación que foron experimentando os temas ao longo do proceso. Resalta ademais Piñeiro a importancia deste traballo no sentido de que “a música chega dun xeito moi directo ao corazón da xente e darlle vida aos poemas a través da música axuda a facelos máis presentes nas nosas vidas”.

Pondaliana
https://www.amesa.gal/tenda/libros/pondaliana-libro-cd-de-poemas-musicados

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*