“O Mar vence ao plástico” recrea un monstro fabricado integramente con plásticos procedentes da praia e unha sirena elaborada con materiais naturais tales como conchas, piñas e palla, entre outros. A antítese da contaminación, o risco e a ameaza para o medio ambiente fronte á beleza do limpo e respectuoso coa contorna. Os materiais procedían ademais dunha xornada de limpeza realizada polo alumnado no areal de Broña, onde fixeron provisión de palets, poliestireno, madeira, cordas, botellas, palliñas, etc.
O traballo foi elaborado polo alumnado do CEIP Plurilingüe de Outes baixo a coordinación de Mercedes Cereijo Tuñas, á súa vez directora do centro e coa activa participación do profesor Adrián Rivero, especialista en plástica. A escola gaña así o primeiro premio do concurso escolar “Recíclate con Sogama” 2018-2019 con esta obra que recibiu beizón do xurado pola súa alta calidade artística e mensaxe transmitida ao facerse eco dun problema de plena actualidade como é a contaminación mariña por plásticos e a necesidade de que todos colaboremos para lograr uns océanos limpos e saudables.
Sensibilizar a cidadanía
Elaborada por alumnos e alumnas de 4º, 5º e 6º curso de Educación Primaria, o obxectivo da mesma non era outro que recrear a contaminación oceánica por plásticos e concienciar á poboación no uso racional dun material non biodegradable con longa vida, reducindo o seu consumo e optando por alternativas máis sostibles.
A esta convocatoria podían presentar a súa candidatura os 25 colexios de primaria de toda Galicia adscritos ao programa educativo “Recíclate con Sogama”, canalizado a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia e cuxo obxectivo é instaurar a reciclaxe nas aulas e fomentar a práctica efectiva dos tres erres (reducir, reutilizar e reciclar). Pretendíase así que os pequenos tivesen a oportunidade de comprobar por si mesmos o alto potencial que albergan os residuos e que chegasen a visualizalos como recursos, ata como verdadeiras obras de arte. Ademais do correspondente diploma acreditativo, o premio consiste nunha viaxe ao parque acuático de Cerceda e as entradas ao mesmo para que medio centode escolares deste colexio poidan gozar dunha merecida xornada de lecer e diversión.
Segundo e terceiro premio
O segundo e terceiro galardón recaeron, respectivamente, no CPR Plurilingüe Possumus de Vigo, coa súa obra “Marnica”, que recrea igualmente a contaminación oceánica por plásticos inspirándose no Guernica de Picasso, e no CEIP de San Cosme de Barreiros (Lugo), co seu traballo “Santo Estevo e o seu Fraga”, que reproduce unha maqueta de Santo Estevo de Ermo, lugar da zona con moita vexetación autónoma e gran beleza.