Ruta cultural “As pegadas de Rosalía”

A iniciativa “As pegadas de Rosalía” foi presentada polos concellos de Santiago, Ames, Brión e Padrón o pasado mes de xaneiro na Feira Internacional de Turismo (Fitur), co obxectivo de achegar a vida de Rosalía a toda a poboación. Ao longo desta ruta cultural, baseada no percorrido deseñado polo intelectual Avelino Abuín de Tembra, poden visitarse os lugares emblemáticos da vida e do legado literario de Rosalía de Castro.

Trátase dun itinerario circular que parte da praza de Vigo, en Santiago de Compostela, e chega ao Panteón de Galegos Ilustres, despois de percorrer lugares vinculados á vida de Rosalía de Castro como San Xoán de Ortoño, a igrexa de Bastavales, en Brión, ou a colexiata de Iria Flavia, en Padrón.

“As pegadas de Rosalía” é unha renovación documentada e actualizada por Anxo Angueira (Presidente da Fundación Rosalía de Castro) da ruta proposta por Avelino Abuín de Tembra en 1980 e que el mesmo introducía do seguinte xeito:

“A Ruta Rosaliana é un itinerario lóxico que segue a Vida de Rosalía de Castro, desde o lugar do seu nacemento, os diversos lugares onde ela viviu e remata onde repousan as súas cinzas. (…).

Percorre-los camiños que ela percorreu, meditar nos recantos en que Rosalía meditou. Identificarse intimamente con Rosalía, que é como identificarse con Galicia. Pero parece claro que a RUTA se pode adaptar ás conveniencias de cadaquén, tanto na súa extensión como na orde do percorrido. Esta é unha peregrinaxe de lembranzas íntimas. Un simple guión indicativo que se lles facilita aos viaxeiros que busquen rememorar a Rosalía como un latexo no noso corazón”

Avelino Abuín de Tembra

Toda a información no novo web

O itinerario “As pegadas de Rosalía” dá un paso máis para achegar a vida de Rosalía a toda a poboación coa posta en marcha da páxina www.rutarosaliana.gal. O obxectivo desta nova plataforma é facilitarlle aos usuarios e usuarias o acceso a toda a información referente á ruta rosaliana, ao tempo que fai un percorrido polos principais puntos da ruta con información detallada de cada un deles e imaxes para ilustrar o itinerario.

A páxina web dálle a benvida ao visitante a través dun inicio composto por unha sucesión de imaxes extraídas das visitas teatralizadas organizadas seguindo a ruta, acompañadas por distintas frases que Rosalía de Castro dedicou a algúns dos lugares que se visitan. Asemade, a pestana Ruta Rosaliana ofrece unha breve explicación sobre a vida da poeta e o que supuxo a súa figura na cultura galega, así como unha introdución á ruta seguindo as palabras do intelectual Avelino Abuín de Tembra.

A través da páxina tamén se ofrece unha ligazón para acceder ao programa Contorna 360, un percorrido web interactivo polos distintos lugares que vertebran a ruta. Cada un destes emprazamentos conta cunha visión panorámica do lugar, así como a localización de cada punto na ruta, fotos e información sobre o papel que ese lugar desempeñou na vida de Rosalía. Por outra banda, ao premer nas pestanas No teu peto e Recursos, as persoas que accedan á paxina poden descargar material de interese como mapas, folletos informativos e logos do roteiro.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*