Redución de ratios, diversidade, recuperación de horario lectivo… batallas da CIG ensino para o curso 2019/2020

Suso Bermello na conferencia de prensa de inicio do curso 2019/2020
Suso Bermello, secretario nacional de CIG-Ensino, na conferencia de prensa de inicio do curso 2019/2020

A formación sindical presenta as prioridades para os vindeiros meses e reclama a estabilidade do persoal interino.

Achegamos integramente o comunicado no que a CIG-Ensino resume as súas reclamacións e propostas para o curso que agora se inicia:

Á espera de coñecer os destinos provisionais de secundaria, o curso comeza con 42 aulas menos en primaria e a perda de 62 postos de traballo definitivos, con dous terzos do profesorado de ESO, bacharelato e FP impartindo afíns e cando menos un 16% de mestras provisionais con contratos itinerantes. E mentres centos de docentes do colectivo interino poden perder o seu traballo a Xunta mantén a súa aposta obsesiva pola FP dual e o desprezo ao galego da era Feijóo.

“San Caetano, apagado o fóra de cobertura”

O curso comeza cunha Consellaría instalada no seu búnker: “apagada ou fóra de cobertura”. Para o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, esta é a definición máis acaída dunha conselleira “que exerce como xefa de marketing ou protocolo, de visita en visita aos centros, mais ausente dos seus problemas reais”. “Desde o momento en que tomou posesión non manifestou a mínima vontade de interlocución coas organizacións sindicais, máis alá dunha única reunión protocolaria e baleira de contidos coa representación do profesorado. Mais ao contrario, preténdese relegar as mesas de negociación a un mero trámite, sen abrir ningunha canle de negociación das demandas presentadas unha e outra vez polo persoal docente e pola comunidade educativa”, indicou Bermello nunha valoración do curso académico que comeza mañá mércores, 11 de setembro, en Infantil e Primaria e o luns 16 en Secundaria, Bacharelato, FP e nas ensinanzas de réxime especial.

“A recuperación do horario roubado, a principal reivindicación”

Co aval de 12.000 sinaturas docentes, a volta ás 18 horas lectivas semanais en secundaria e FP e ás 21 en infantil e primaria, será a principal reivindicación que levará a CIG-Ensino ás distintas mesas de negociación este ano e que marcarán a súa acción sindical. “Estamos certos de que esta medida redundaría sobre todo na mellora da calidade do ensino, permitindo de novo facer desdobres e incrementando os apoios, é dicir unha atención máis individualizada do alumnado, así como recuperar parcialmente a cifra dos 3.000 postos de traballo perdidos desde o inicio da crise”, apuntou Bermello. Cando xa hai comunidades autónomas que restituíron os horarios que o seu persoal docente tiña antes da imposición unilateral do PP no 2012 (Navarra, Euskadi, Cantabria, Canarias, Andalucía, Asturias e Estremadura) e outras están en trámite de o faceren, o goberno de Feijóo non ten escusas para seguir castigando o profesorado galego.

“Melloras nas condicións de traballo e na calidade educativa, á espera”

Mais para a CIG-Ensino hai outras cuestións urxentes a negociar durante este curso e así llo trasladarán á administración.

– As ratios. A dicotomía que se está a consolidar nestes últimos anos entre o medio rural e o urbano marca de novo o inicio de curso, con aulas saturadas nos ámbitos urbanos e perirurbanos e con peche de aulas e mesturas de niveis no ámbito rural e vilego, cos conseguintes problemas de atención á diversidade. En primaria o curso comeza con 42 aulas menos no país e coa perda de 62 postos de traballo definitivos e unha tendencia clara a agrupar cursos de infantil e ciclos de primaria nas vilas pequenas.

– As afíns. Máis da metade do profesorado con destino provisional de secundaria e FP impartirá materias nas que non son especialistas, o que unido a un elevado número de docentes definitivos que tamén imparten especialidades diferentes á súa dá unhas cifras totalmente inxustificábeis. Se temos en conta a impartición de ámbitos nos PMAR ou de módulos na FP Básica cabe concluír que por volta de dous terzos do profesorado de ESO, Bacharelato e FP imparten especialidades que non lle son propias e moitas veces que non gardan ningunha relación coa súa formación académica e experiencia profesional. A CIG-Ensino esixirá unha vez máis unha regulación das afíns para non perverter o decreto de especialidades docentes e a calidade do ensino que recibe o alumnado.

– As itinerancias. Con maior incidencia no profesorado de infantil e primaria, non varía a respecto de cursos anteriores (un 16% das mestras con destino provisional traballan en mais dun centro, ao que hai que unir as especialistas de PT e AL con destino definitivo que este ano tamén compartirán centros).

“A PF dual, unha nova vía de privatización do ensino público”

A aposta da Consellaría de Educación pola FP Dual implica decantarse pola empresa en vez de polo sistema educativo público. En palabras de Suso Bermello, “esta vía tan aclamada pola Xunta, até o punto de dedicar orzamentos e recursos que lle negan a outras demandas dos centros, supón a entrada de facto das empresas no ensino, ao seren as que seleccionan o alumnado, ademais de condicionar os temarios, a formación e mesmo a distribución do currículo dos ciclos formativos”. “Son as empresas as que fixan as bolsas que percibe o alumnado, sen ningunha esixencia por parte da Consellaría, e as que fan e desfán na política de persoal, empregando como man de obra barata o alumnado da FP Dual”, engadiu á vez que amosaba a súa preocupación porque ao desviar a formación que se impartía nos centros cara ás empresas vanse reducir os postos de traballo para o profesorado de formación profesional.

“O galego, abandonado e desprezado”

“Outra constante que non mudou co cambio de cara na Consellaría e que polo tanto deixa ás claras que a política lingüicida é claramente marca de identidade de Feijóo é o maltrato que recibe a nosa lingua no sistema educativo”, subliñou Bermello. “O curso actual será o do décimo aniversario da maior deriva contra o noso idioma, coa publicación do decreto de plurilingüismo, e que a día de hoxe nos deixa unha presenza residual do galego nas aulas de infantil das cidades, a prohibición do seu uso en materias científico tecnolóxicas mentres que se premian publicacións que non se van poder usar por este veto, ou unha minguante presenza nos ciclos formativos de FP, engadiu á vez que alertou de que a escaseza de materiais didácticos na nosa lingua, especialmente nos novos formatos dixitais, é unha constante mentres o goberno galego se desentende dunha deriva alarmante no uso do galego na mocidade.

“A inestabilidade laboral do profesorado interino”

Cunhas oposicións nas que o 33% das persoas que as superaron nunca traballaron no ensino ou que un total do 52% traballaron menos de 1 ano e con porcentaxes de aprobados con máis de 5 anos de experiencia no ensino público que non chegan ao 20% fica claro que nos atopamos cun enorme problema que a administración educativa despreza e os seus socios sindicais non queren ver: son centos os docentes que perden os seus postos de traballo e pasan a facer substitucións, incidindo na precariedade laboral deste colectivo. O secretario nacional da CIG-Ensino urxiu a facer cambios no sistema de oposicións para garantir un verdadeiro concurso-oposición e a realizar un estudo rigoroso das ofertas de emprego e da situación das listas por especialidade, así como a negociar un acordo de estabilidade.

“A LOMCE segue mentres o goberno do Estado xoga con nós”

Por último non podía faltar unha referencia ao compromiso incumprido polo PSOE de derrogar a LOMCE no seu ano de goberno. Nestes momentos, o impase e o xogo de intereses partidistas no centro-esquerda parlamentario español mantén inalterábel o imperio da peor lei educativa das últimas décadas. “O último episodio vivímolo hai escasas datas coa sentenza dun xulgado galego que entende como natural que alumnado de Bacharelato que quere cursar materias como Robótica, Antropoloxía ou Coeducación teña que verse obrigado a sumar Relixión na súa formación académica. Desprézase deste xeito a aconfesionalidade do Estado. Unha anomalía permitida e amparada pola LOMCE que, segundo se comprobou, o PSOE quere manter ao non ser quen nin sequera de anular o carácter académico e a obriga de ofertar Relixión, unha postura na que a Xunta tampouco está disposta a modificar a oferta de materiais de libre configuración para evitar esta situación”, sentenciou Suso Bermello ao tempo que lembrou a firme oposición do sindicato á presenza da Relixión nos centros educativos.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*