Setembro é a oportunidade perfecta para unha eco-volta ao cole “en clave de R”

Bote de vidro con lápices de coresA Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama) proponnos un decálogo baseado en Reducir, Reutilizar e Reciclar.

A pequena revolución que cada mes de setembro chega a cada fogar con cativería lista para o regreso ás aulas, pode ser un chisco máis levadía adoptando un enfoque ambiental. É tempo de organizar as rutinas diarias na casa, facer malabares de conciliación laboral e persoal e tamén de gastos, a miúdo un feixe deles.

Mais unha planificación previa logo dunha avaliación polo miúdo, pode facer máis levadeiro o camiño. Dende Sogama convídannos a pensar en clave “R”. E é que a redución, a reutilización e a reciclaxe poden resultar de gran axuda.

Sogama proponnos comezar por esta peneira de boas prácticas.

Velaí!

1.- Revisar armarios e caixóns para aproveitar todo o que poida ter utilidade e, a partir de aí, elaborar unha lista de artigos a adquirir que sexan realmente necesarios.

2.- Indagar na posibilidade de reutilizar uniformes doutros nenos/as e, de non ser viable, aproveitar as ofertas e descontos. Comparar calidade e prezos.

3.- Recuperar libros de texto usados. O mercado de segunda man pode resultar de utilidade, dando a oportunidade de adquirilos a prezos moi asequibles.

4.- Priorizar a compra de material ecolóxico duradeiro, libre de tóxicos e, polo tanto, menos perigoso para os pequenos e máis respectuoso coa contorna.

5.- Optar polo papel reciclado, bolígrafos recargables e calculadoras solares.

6.- Un curso novo non significa mochila nova. Cun pouco de destreza e creatividade, a vella pódese arranxar e modernizar.

7.- Para a merenda ou tentempié de media mañá, apostar por envoltorios reutilizables, a bolsiña de tea de toda a vida ou ben o tupper.

8.- Nada mellor que produtos sans para unha alimentación equilibrada. Fóra a bollería industrial e os seus múltiples envases plásticos individuais de usar e tirar.

9.- Para os desprazamentos, prescindir do coche particular sempre que sexa posible. Camiñar, utilizar o transporte público ou compartir vehículo con outras familias constitúen as mellores alternativas.

10.- E que non falte a práctica dos tres erres en todo momento (reducir, reutilizar e reciclar).

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*