Nova edición da homenaxe anual a Manuel María na Coruña.
O 25 de setembro, cuarta feira (mércores), ás 20:30, no Teatro Rosalía Castro, convócase unha nova edición de Lúas de Outono, homenaxe anual a Manuel María, que se leva a cabo desde hai once anos na cidade da Coruña.
Para a edición deste ano, aproveitando que hai pouco foron os 50 anos do concerto que se coñeceu como de presentación da Nova Canción Galega, desde a Casa-Museo Manuel María explican que se fará un acto de recoñecemento aos cantautores e cantautoras galegas, parte fundamental da cultura de noso e tamén figuras privilexiadas na difusión da nosa poesía.
Aquel concerto histórico do Teatro Capitol de Compostela fora presentado por Manuel María quen, alén disto, a través do selo EDIGSA-XISTRAL, promoveu a difusión desta música en galego que supuña unha ruptura co folclorismo de cariz franquista por aquel momento.
Así nas Lúas de Outono deste ano teremos a oportunidade de escoitar tres voces que, de algún xeito, son mostra de xeracións diferentes e tamén de diversos estilos: MIRO CASABELLA; UXÍA, acompañada por Santi Cribeiro e Sérgio Tannus; e a voz de Xoán Padín, que xunto Alberte Núñez, Alberto Maceiras e Gumer Freire, conforman MOLIME. O espectáculo será guiado por Xurxo Souto.