Olimpíada Científica Xuvenil

Enfocada á ESO. Deica o 25 de setembro está aberta a inscrición.

A Olimpíada Científica Xuvenil Internacional (IJSO, nas súas siglas en inglés) é a única olimpíada internacional oficialmente recoñecida para o treito académico que en Galicia equivale ao Ensino Secundario Obrigatorio. Na idea de que nesta etapa as vocacións científicas aínda están indefinidas e hai marxe para descubrirse a un mesmo, deseñouse un certame inclusivo e multidisciplinar que poida atraer estudantado cuxos intereses sexan a bioloxía, a química, a física ou as matemáticas. Que poida seducir a quen lle atraia razoar ou a quen prefira realizar experimentos ou tanto aos que gozan máis no traballo en grupo como aos que prefiren competir individualmente.

Ao longo das distintas fases, moitos participantes poderán descubrir novos intereses ou talentos dos que non eran conscientes, facéndose unha idea de como sería ser científico “de maior” e, ao mesmo tempo, pescudando que disciplinas e enfoques se adaptan máis ás súas capacidades e afinidades. Así, estudantes de ata 15 anos enfrontaranse, en distintas fases, a probas de crecente dificultade, que combinarán exercicios teóricos e prácticos; individuais e en equipo; de bioloxía, química, física e matemáticas. Para iso terán que botar man non só todo o seu coñecemento científico, senón tamén das súas habilidades dedutivas, o seu pensamento creativo, a súa capacidade para o traballo en equipo e a súa vontade de implicarse ao máximo e superarse a si mesmos.

Haberá fase galega e fase estatal. A fase galega vaise celebrar en Santiago de Compostela, na Aula Magna da Facultade de Matemáticas, o próximo venres 27 de setembro entre as 16:00 e as 19:00 horas da tarde.

A inscrición permanece aberta deica as 16:00 horas deste mércores 25 de setembro. Aquí o formulario

Toda a información e regulamentos na web oficial da IJSO

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*