Inspirada nos contos da italiana Adela Turín, pioneira na investigación da literatura infantil e xuvenil desde a perspectiva de xénero, e da man da coñecida compañía galega Talía Teatro, poderase gozar durante o outono na Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia: Vilamarín, Bueu, Ordes, Laxe, Monforte de Lemos, Mondoñedo, Viana do Bolo, Negreira, Lalín, Trazo, Burela, O Porriño e Vilagarcía de Arousa son algunhas das paradas que aínda terá este espectáculo que iniciou xa a súa andaina.
A proposta teatral está dirixida ao público familiar con nenos dos catro aos oito anos e combina a palabra coa música en directo. Afonda nos roles e nos estereotipos de xénero para contribuír a desmontar prexuízos sobre aptitudes e actitudes de homes e mulleres e dinamizar o uso da lingua galega na familia. Interpretada por Artur Trillo e Fernando Fraga baixo a dirección de Paula Carballeira, Rosa caramelo e outras historias conta a historia da elefanta Margarida –a única do grupo que non consegue que a súa pel sexa de cor rosa caramelo– e tamén as de Os bonobos con lentes, Unha feliz catástrofe e Artur e Clementina.
Coma sempre nos programas de dinamización lingüística que promove a Consellería de Cultura e Turismo en concellos da RDL, a entrada á actividade é libre e de balde ata completar a capacidade das salas. Toda a información e calendario completo poden consultarse no Portal da Lingua Galega e na Axenda de Cultura de Galicia.
Axenda de FalaRedes 2019. Rosa caramelo | |||
---|---|---|---|
Data e hora |
Lugar |
Concello |
Provincia |
Sábado, 5 de outubro, 18:00 horas | Auditorio da Casa da cultura | Ribadavia | Ourense |
Domingo, 6 de outubro, 17:00 horas | Centro Cultural Avenida | A Rúa | Ourense |
Sábado, 12 de outubro, 17:00 horas | Centro Cultural | Vilamarín | Ourense |
Domingo, 13 de outubro, 18:00 horas | Centro Social do Mar | Bueu | Pontevedra |
Venres, 18 de outubro, 19:30 horas | Auditorio da Casa da Cultura | Ordes | A Coruña |
Domingo, 20 de outubro, 19:30 horas | salón de actos culturais municipal | Laxe | A Coruña |
Venres, 25 de outubro, 19:00 horas | Edificio Multiúsos | Monforte de Lemos | Lugo |
Domingo, 27 de outubro, 19:00 horas | Casa da Xuventude | Mondoñedo | Lugo |
Venres, 1 de novembro, 18:00 horas | Casa da Cultura | Viana do Bolo | Ourense |
Domingo, 3 de novembro, 13:00 horas | Auditorio do Centro Sociocultural | Negreira | A Coruña |
Venres, 15 de novembro, 19:00 horas | Salón Teatro | Lalín | Pontevedra |
Sábado, 16 de novembro, 12:00 horas | Centro Social Polivalente | Trazo | A Coruña |
Domingo, 17 de novembro, 18:00 horas | Casa da Cultura | Burela | Lugo |
Venres, 22 de novembro, 18:00 horas | Biblioteca Pública Municipal | O Porriño | Pontevedra |
Sábado, 23 novembro, 12:30 horas | Salón García | Vilagarcía de Arousa | Pontevedra |