S.E.X lánzase á rede como ferramenta de difusión e consulta no ámbito da sexualidade na adolescencia

Este proxecto de educación sexual, para público adolescente e promovido por Illa Bufarda en colaboración ASEIA, foi unha das dez iniciativas recoñecidas na segunda edición do II Premio Luisa Villalta da Deputación da Coruña de proxectos culturais pola igualdade.

Ademais da webserie S.E.X, cuxo primeiro episodio se estreou a semana pasada, a iniciativa inclúe unha consultaría virtual sobre sexualidade con persoas expertas na materia de ASEIA e a difusión por centros educativos de secundaria da provincia coruñesa

Iniciativa, premiada na segunda edición do Premio Luisa Villalta

A produtora Illa Bufarda, en colaboración con ASEIA (Asociación para a Saúde Emocional na Infancia e Adolescencia) e co apoio de Sogasex (Sociedade Galega de Sexoloxía) e a Fundación Paideia, vén de lanzar na rede a webserie S.E.X. como ferramenta de difusión e consulta no ámbito da sexualidade destinada para adolescentes. Esta iniciativa, premiada na segunda edición do Premio Luisa Villalta de proxectos culturais pola igualdade da Deputación da Coruña, preséntase como un proxecto de educación sexual dirixido a adolescentes a través de diversas accións entre as que se inclúe unha canle de Youtube na que se publicará unha serie de seis capítulos que abordan de forma monográfica diferentes aspectos da esfera da sexualidade.

Deste xeito, cada unha das entregas tratará aspectos fundamentais para a adolescencia neste sensible campo para a configuración da identidade emocional: dende a atracción sexual e a diversidade (heterosexual, homosexual, bisexual, pansexual, asexual, etc.) até os cambios corporais, pasando polas falsas crenzas, polos estereotipos de xénero ou polo tratamento crítico dos ideais románticos. Así o adiantaron esta mañá en rolda de prensa o deputado provincial de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto; a deputada de Igualdade da Deputación da Coruña, María Muíño; Sabela Iglesias e Adriana P.Villanueva, da produtora Illa Bufarda; e Vanessa Rodríguez Pousada, de ASEIA.

Un novo vídeo cada mes e interacción e axuda de profesionais especializadas

A webserie S.E.X., protagonizada por Noelia Liñares Mayo, Ángel Calo e Iria Freire, estreou o pasado martes 15 de outubro o seu primeiro capítulo na súa canle da plataforma Youtube (https://www.youtube.com/sexwebserie) e lanzará un novo vídeo cada mes. Esta será a primeira tempada dunha serie que contará tamén cunha consultoría na que se interaccionará co público tanto con conversas en aberto, como dando a posibilidade de que as mesmas se realicen a través do correo (sexwebserie@aseiagalicia.gal). A consultoría estará desenvolvida por profesionais da Psicoloxía, Educación e Saúde especializados/as en Educación Sexual. Tamén se utilizarán como canles de difusión e contacto coa poboación adolescente o Instagram (@s.e.x._webserie). Ademais da webserie, o proxecto S.E.X. inclúe a difusión por diferentes institutos da provincia da Coruña con encontros co alumnado que contarán coa participación de profesionais da educación sexual de ASEIA, así como con membros do elenco de S.E.X.

Entre os obxectivos deste proxecto de educación sexual atópanse a necesidade de introducir a perspectiva feminista na educación sexual dos/as adolescentes como modo de promover a igualdade de xénero, a difusión de elementos básicos de saúde e prevención ante condutas de risco, a promoción do respecto cara á diferencia, o entendemento da sexualidade como un proceso humano que implica a aceptación en pé de igualdade da diversidade, a clarificación de dúbidas, mitos e medos como parte do proceso de descuberta da propia sexualidade e do pracer ou o tratamento crítico dos ideas románticos.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*