Á oitava edición do programa FalaRedes que a Secretaría Xeral de Política Lingüística leva a concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) súmase A nena e o grilo máis aló, unha proposta teatral e musical de dinamización lingüística para toda a familia que chegará no outono da man de Magín Blanco e Teatro Ghazafellos (Montse Piñón, Pepablo Patiño e Jorge Casas), con música en directo de Cristian Leggiero, a dez concellos galegos.
Nesta terceira entrega, os dous personaxes, Nena e Grilo, continuarán a súa descuberta do mundo, interior e exterior, e dos seus segredos, a través da palabra, dos afectos e da música en directo, nunha trama na que o misterio, os medos e os valores da afouteza, solidariedade e amizade adquirirán moita importancia. A nena e o grilo esmagallan sen querer a súa amiga Xertrude a araña e, no intento de facela rexurdir, atoparán uns artistas ambulantes que os guiarán ao país dos mortos para traela de volta. A nena e o grilo máis aló é unha divertida e evocadora historia que nos transportará ás buscas máis insólitas.
Axenda de FalaRedes 2019. A nena e o grilo máis aló | |||
---|---|---|---|
Data e hora |
Lugar |
Concello |
Provincia |
Domingo, 20 de outubro, 17:00 horas | Sala Fonte do Lunar | Triacastela | Lugo |
Sábado, 26 de outubro, 11:30 horas | Casa da Cultura de Moreiras | Toén | Ourense |
Sábado, 26 de outubro, 18:00 horas | Nave da Música | Barro | Pontevedra |
Domingo, 27 de outubro, 12:00 horas | Casa da Cultura de Camporrapado | Boqueixón | A Coruña |
Domingo, 27 de outubro, 18:30 horas | Salón de Mabegondo | Abegondo | A Coruña |
Venres, 1 de novembro, 19:00 horas | Casa da Cultura | Outes | A Coruña |
Sábado, 2 de novembro, 17:00 horas | Casa da Cultura | Frades | A Coruña |
Domingo, 3 de novembro, 18:00 horas | Centro Social | Oímbra | Ourense |
Sábado, 9 de novembro, 12:00 horas | Casa da Cultura | Boimorto | A Coruña |
Sábado, 9 de novembro, 19:00 horas | Centro Social | Pontecesures | Pontevedra |