Sétima edición do programa pedagóxico “Aula de Patrimonio”

O obxectivo de Aula de Patrimonio, que nas súas edicións anteriores contou coa participación de preto de 9.000 alumnos, é que os mozos e mozas que viven e estudan nas cidades patrimonio realicen actividades de investigación e difusión ao redor dos valores que fixeron que estas 15 localidades merezan estar inscritas na Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO.

O programa busca concienciar aos escolares da importancia de vivir nunha Cidade Patrimonio da Humanidade, poñendo en valor o traballo que realizan de forma conxunta; así como fomentar entre os escolares unha actitude de cidadanía activa, promovendo o coñecemento e goce do patrimonio urbano e impulsando experiencias didácticas que promovan o uso das cidades como recurso educativo.

Destinatarios de Aula de Patrimonio

Os destinatarios do programa serán grupos de escolares de centros do primeiro ciclo (1ª 2ª e 3º curso) de Educación Secundaria públicos e concertados das 15 cidades que forman o Grupo Cidades Patrimonio, que deberán presentar un proxecto centrado nas boas prácticas sobre conservación e difusión do Patrimonio Mundial de calquera das 15 Cidades Patrimonio da Humanidade de España (como cren que deben coidarse e protexerse e de que modo darían a coñecer os bens Patrimonio Mundial).

O formato do traballo será libre, valorándose a orixinalidade da proposta. As solicitudes de participación de todos os centros que desexen participar xestionaranse exclusivamente a través do formulario aloxado na páxina web do Grupo e deberán enviarse antes do 15 de marzo de 2020.

Xurado de Aula de Patrimonio

Unha vez pechado o prazo de recepción de traballos, cada cidade seleccionará, de entre as propostas enviadas polos seus centros, un gañador local. A Comisión de Educación e Cultura do Grupo seleccionará posteriormente, de entre os gañadores locais das 15 cidades, un único gañador absoluto nacional. O fallo farase público mediante nota de prensa e a través das redes sociais do Grupo antes do 1 de maio de 2020.

Premios de Aula de Patrimonio

O premio do centro gañador do certame estatal será unha viaxe para os alumnos da clase autora do traballo a unha das 15 Cidades Patrimonio da Humanidade. O resto de centros seleccionados polas cidades para optar ao premio nacional obterán como premio un vale intercambiable por material tecnolóxico, por valor de 1.000 euros IVE incluído.

A viaxe (tres días e dúas pernoctacións) do centro gañador levarase a cabo entre semana e no último trimestre do curso escolar. Os gastos da viaxe do grupo (transporte, aloxamento e manutención) á cidade seleccionada correrán por conta do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España. A clase será acompañada por un máximo de tres profesores do centro.

Aula de Patrimonio é unha actividade organizada pola Comisión de Educación e Cultura do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España, dentro da súa Área de Educación.

O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España é unha asociación sen ánimo de lucro creada no ano 1993 cuxo obxectivo é actuar de maneira conxunta na defensa do patrimonio cultural e a promoción turística das cidades que o compoñen: Alcalá de Henares, Ávila, Baeza, Cáceres, Córdoba, Cuenca, Eivissa/Ibiza, Mérida, Salamanca, San Cristóbal de la Laguna, Santiago de Compostela, Segovia, Tarragona, Toledo e Úbeda.

Preme aquí para ampliar información

 

Os concelleiros Sindo Guinarte e Noa Díaz recibiron en xuño o alumnado do Colexio Filipense de Baeza, gañador da sexta edición do programa

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*