Mes da ciencia nas bibliotecas

Espectáculos de maxia, sesións de contacontos, obradoiros, relatorios e conferencias, etc.

Un feixe de actividades de divulgación científica terán lugar ao longo deste mes de novembro en diferentes bibliotecas públicas do país. Ademais, tamén se organizarán actividades nos centros de ensino a través das bibliotecas escolares e do labor que levan a cabo os equipos de dinamización da lingua galega para sumárense, desde o ensino, á conmemoración do Día da Ciencia en Galego.

A encargada de asinar o manifesto deste ano é Alicia Estévez, microbióloga da Universidade de Santiago de Compostela e académica da Real Academia Galega das Ciencias e da Real Academia Galega de Farmacia. No seu documento, Estévez Toranzo, pon en valor a función da ciencia no desenvolvemento socioeconómico dun país e subliña o papel que xogan as bibliotecas para que “moitos dos coñecementos rigorosamente contrastados sexan alcanzables ao público”.

Velaquí o texto completo.

Manifesto da Microbióloga Alicia Estévez Toranzo con motivo da celebración do Mes da Ciencia

Da ciencia depende o desenvolvemento socioeconómico dun país e polo tanto o benestar das persoas e o resto de seres vivos que o habitan. Ciencia e tecnoloxía estiveron sempre intimamente unidas e esta unión é o que permitiu o avance da humanidade. Galicia ten unha enorme capacidade para contribuír a este desenvolvemento que está a ter lugar a nivel global.

Unha importante responsabilidade dos científicos é dar conta á sociedade do destino dos fondos públicos que recibe e contribuír ao desenvolvemento da cultura científica na sociedade da nosa contorna. Este achegamento da ciencia á sociedade conséguese principalmente grazas á divulgación científica.

Pero divulgar ciencia non sempre é tarefa fácil xa que temos que ser capaces de converter a linguaxe técnica e ás veces complicada, que usamos os científicos para comunicarnos entre nós, en palabras axeitadas para que o coñecemento chegue á maior cantidade de persoas. Só así se conseguirá que os científicos sexamos máis valorados e que o público entenda como os grandes avances alcanzados en diferentes ámbitos da ciencia inflúen na nosa forma de vivir e na sustentabilidade dos recursos naturais.

Hoxe en día cos avances das tecnoloxías da comunicación, é fácil atopar demasiada información científica, pero o importante é saber diferenciar Ciencia de “pseudociencia”. Por iso, non hai que esquecer o importante papel que xogan as bibliotecas para que moitos dos coñecementos rigorosamente contrastados sexan alcanzables ao público, xa que unha sociedade ben informada é máis difícil que sexa manipulada.

A divulgación é fundamental tamén para fomentar vocacións científicas na mocidade. Debemos estimular xa desde a infancia a ilusión polo traballo ben feito, a curiosidade e sorpresa, a imaxinación e o sentido crítico ante o que observan e ocorre ao redor. Desta maneira, as novas xeracións poderán chegar a ser todo o que se propoñan e terán capacidade de contribuír a facer un mundo un pouco mellor.

Alicia Estévez Toranzo
Académica da RAGC e RAFG
Premio María Josefa Wonenburger Planells 2018

Preme aquí para ver o folleto con actividades do Mes da Ciencia

Preme aquí para ver unha recompilación de materiais de ciencia en galego

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*