O rueiro das liortas


Nova proposta teatral do programa ‘Nós contra a violencia’.

O rueiro das liortas arranca esta fin de semana unha xira por dez localidades da Rede de Dinamización Lingüística na que acollerán as primeiras funcións Mondoñedo, o sábado 16, ás 20,00 horas, na Casa da xuventude, e Baiona, o domingo 17, ás 19,00 horas, no Auditorio Municipal. Ata decembro, as seguintes citas serán en Caldas de Reis, Oleiros, Marín, Narón, O Barco de Valdeorras, Guitiriz e Salvaterra de Miño.

Este espectáculo da Compañía do Elefante Elegante baséase na comedia da arte italiana e no teatro popular para promover, desde a óptica escénica, a reflexión sobre a situación desigual da muller na sociedade, ao tempo que se afonda nas relacións de parella e nas dificultades para manter vivo o amor. Dirixida a todos os públicos desde os oito anos de idade, esta comedia iniciática, vista desde unha óptica feminina, combina o dinamismo dos elementos escenográficos que representan diferentes espazos, un actor e unha actriz que interpretan múltiples personaxes e unha nena que fai valer a súa verdade. Ofrece, a maiores, un espazo de reflexión conxunta das persoas asistentes á función a partir dunha conversa posterior cos actores.

Como en todas as actividades para a RDL, a entrada é libre e de balde ata completar a capacidade dos espazos programados. Toda a información e calendario completo poden consultarse no Portal da Lingua Galega e na Axenda de Cultura de Galicia.

Sensibilizar contra a violencia de xénero, micromachismos e desigualdade

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentaron en rolda de prensa O rueiro das liortas, a nova proposta da campaña Nós contra a violencia da Xunta de Galicia que ten como obxectivos promover o uso do galego e sensibilizar contra a violencia de xénero, os micromachismos e a desigualdade no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e co apoio do Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade.

“Bota a andar en dez concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) esta proposta teatral coa que buscamos, desde os espazos e tempo de lecer das familias, incidir e sensibilizar en contra da violencia de xénero e de calquera tipo de comportamento sexista e a favor, coma sempre, da promoción social da nosa lingua”, sinalou o secretario xeral na súa intervención. “Uns obxectivos de grande importancia para a nosa infancia e mocidade que lle confiamos á Compañía do Elefante Elegante, coa seguridade dun traballo profesional, rigoroso e comprometido co idioma propio de Galicia”, concluíu.

Pola súa banda, a secretaria xeral da Igualdade destacou que esta iniciativa permitirá a difusión de valores como o respecto e a promoción da igualdade entre mulleres e homes, a través tanto das artes escénicas como da creación de material didáctico e formativo en lingua galega.

López Abella indicou en que proxectos como Nós contra a violencia amosan o compromiso transversal da Xunta na loita contra a violencia de xénero e incidiu en que a erradicación desta lacra require o compromiso e a colaboración das institucións e do conxunto da sociedade. Nesta liña, sinalou que mediante a dinamización e a promoción da lingua galega tamén se levarán a cabo accións específicas para a infancia, a mocidade e as familias sobre a prevención e a sensibilización sobre a violencia de xénero con mensaxes positivas e unitarias que impliquen a toda a sociedade.

 

Axenda. O rueiro das liortas

Data e hora

Lugar

Concello

Provincia

Sábado, 16 de novembro, 20:00 horas Casa da Xuventude Mondoñedo Lugo
Domingo, 17 de novembro, 19:00 horas Auditorio Municipal Baiona Pontevedra
Venres, 22 de novembro, 20:30 horas Auditorio Constante Liste da Ramallosa Teo A Coruña
Sábado, 23 de novembro, 21:00 horas Auditorio Municipal Caldas de Reis Pontevedra
Domingo, 24 de novembro, 19:30 horas Centro Cultural A Fábrica Oleiros A Coruña
Luns, 25 de novembro, 20:00 horas IES Illa de Tambo Marín Pontevedra
Venres, 29 de novembro, 20:30 horas Centro Cultural e Recreativo A Pombiña do Pedroso Narón A Coruña
Sábado, 7 de decembro, 20:00 horas Teatro Lauro Olmo O Barco de Valdeorras Ourense
Domingo, 8 de decembro, 20:00 horas Casa Habanera Guitiriz Lugo
Domingo, 15 de decembro, 19:00 horas Casa da Cultura Salvaterra de Miño Pontevedra

 

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*