Aumenta a 1146 o alumnado que estuda galego no Bierzo e Sanabria

Alumnado do Bierzo durante unha recente visita a Santiago de Compostela
Incremento de 14 no ensino infantil e primario, 15 no secundario e 5 na escola oficial de idiomas con respecto ao curso anterior.

Un total de 34 alumnos e alumnas incorporáronse no ano académico en curso, 2019-2020, ao Programa de promoción da lingua galega no Bierzo e en Sanabria. Son por tanto xa 1146, fronte aos 1112 do curso anterior, 2018-2019, os que seguen estudos de galego nos territorios limítrofes das comunidades galegas e castelá-leonesa. Así o constataron os responsables dos dous gobernos na reunión anual de seguimento do protocolo de colaboración no que se enmarca o devandito programa.

O incremento de alumnado verifícase, por terceiro ano consecutivo, tanto nos ensinos infantil e primario coma no secundario e na escola oficial de idiomas: sobe en 14 estudantes no primeiro caso, en 15 no segundo e en 5 no terceiro; 34 en total. Así, os datos de alumnado quedan como seguen: 941 alumnos/as na educación infantil e primaria (fronte aos 927 do curso anterior), 148 alumnos/as na educación secundaria (fronte aos 133 do curso anterior) e 57 alumnos/as na Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada (fronte aos 52 do curso anterior).

Na reunión de seguimento participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a subdirectora xeral deste departamento, María Lourdes Batán; o director xeral de de Centros, Planificación y Ordenación Educativa da Junta, José Miguel Sáez Carnicer; e a xefa de Servizo de Ordenación Académica, Títulos e Convivencia da Dirección Xeral de Política Educativa e Escolar, Marta Piñeiro Ruiz, e o presidente do Consello Comarcal do Bierzo, Gerardo Álvarez.

Dezanove centros adscritos á promoción do galego no Bierzo e en Sanabria

Actualmente son 19 os centros adscritos ao Programa de promoción da lingua galega nestes territorios galegofalantes do exterior, dos que 14 son CEIP ou CRA e 4 IES, ademais da Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada. No relativo a centros de secundaria e ensinos especiais, os IES adscritos ao programa son o Bergidum Flavium de Cacabelos, o Padre Sarmiento de Vilafranca do Bierzo e os ponferradinos Europa e Virxe da Aciñeira.

No caso dos centros de infantil e primaria, en León, CEIP da Quinta Angustia de Cacabelos, CEIP San Ildefonso de Camponaraya, CRA de Carucedo, CRA Jimena Muñiz de Corullón, CRA Cubillos del Sil, CEIP Compostilla de Ponferrada, CEIP Jesús Mestre de Ponferrada, CEIP Virxe do Carmen-A Placa de Ponferrada, CEIP Valentín García Yebra de Ponferrada, CRA del Puente de Domingo Flórez, CEIP Mª Luisa Ucieda de Toral dos Vaos, CEIP de Toral de Merayo e CEIP San Lorenzo de Brinde de Vilafranca; e, en Zamora, CEIP Tuela-Bibey de Lubián.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*