O profesorado reivindica o horario lectivo anterior aos recortes


Durante a tarde do xoves os docentes realizaron concentracións simultáneas nas sete cidades galegas, convocadas pola CIG-Ensino e o resto de organizacións con representación no ensino público galego

Durante a tarde do xoves 21 de novembro docentes galegos realizaron concentracións para reivindicar unha negociación inmediata da recuperación do horario lectivo recortado nos cursos escolares 2011 e 2012. Denuncian que as decisións dos executivos galego e estatal nesa altura implicaron a perda dun mínimo de 1200 postos de traballo e un empeoramento tanto das condicións de traballo como da calidade da atención educativa.

“Unha vez que o goberno central derrogou o ano pasado o Real Decreto Lei polo que se aumentara o horario lectivo do profesorado a nivel estatal, algo insólito até ese momento polo que significaba de inxerencia competencial no ámbito educativo autonómico, é a vontade política de cada administración a que fixo que nestes momentos docentes doutros 7 territorios do Estado xa recuperaran este dereito”, sinalan desde a CIG-Ensino. A confederación sindical opina que, lonxe de existir vontade de dar o mesmo paso, en Galicia o colectivo docente estaría sendo usado como arma política “nas liortas que mantén o goberno da Xunta co de Madrid”.

“O profesorado galego falou hoxe alto e claro acudindo ás diversas concentracións nas reclamou a recuperación dos 18 períodos lectivos para o profesorado de secundaria, FP e ensinanzas de réxime especial, o que non significaría nin máis nin menos que a volta á normalidade”, recordan desde CIG-Ensino. “Non queremos traballar menos, queremos traballar mellor”, sinalan ao respecto da mesma esixencia desde a federación de ensino de CCOO Galicia. Ao respecto dos docentes de primaria, infantil e educación especial reclámase a redución de 25 a 21 horas, é dicir, o cumprimento do acordo asinado xa en 2007.

“Non se trata de traballar menos senón de traballar mellor, porque a xornada laboral semanal seguirá sendo a mesma. Iso si, a atención educativa veríase directamente beneficiada ao poder traballar coordinadamente dentro dos centros, participar en proxectos innovadores e sobre todo abordar mellor as especificidades individuais do alumnado”, apuntou Suso Bermello, secretario nacional da CIG-Ensino.

As forzas sindicais manteñen a convocatoria de folga para o día 12 de decembro.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*