A campaña de divulgación da toponimia Toponimízate. Coñece os nomes da túa terra chega entre os meses de novembro e decembro a dezaseis localidades da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o presidente da institución, Víctor F. Freixanes, presentaron hoxe na sede da RAG a terceira edición do programa que coordina a RAG coa colaboración da Consellería de Cultura e Turismo.
O secretario xeral de Política Lingüística incidiu no gran valor da toponimia galega e a obriga de protexela. “A Xunta de Galicia reafirma o seu compromiso coa RAG para salvagardar e poñer en valor o patrimonio inmaterial que constitúen a toponimia e a microtoponimia, unha gran riqueza e obra colectiva dos galegos e das galegas, que non podemos deixar esmorecer”. Está previsto ademais que Toponimízate chegue en datas vindeiras a centros de día de maiores, en colaboración co Consorcio Galego de Benestar, segundo avanzou tamén.
Pola súa banda, o presidente da RAG salientou que “con esta iniciativa, pretendemos implicar o conxunto da sociedade, tanto institucións locais como particulares, na reivindicación e defensa dun dos nosos grandes tesouros históricos”. “A través dos nomes dos lugares podemos seguir a crónica de nós, a memoria do que somos, a pegada dos devanceiros. Galicia ten unha riqueza neste campo moi superior a calquera outra comunidade europea e é a nosa obriga coidala, estudala e defendela”, engadiu Víctor F. Freixanes.
Acompañáronos na presentación María Luísa Pena Babío, en representación da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia, e Vicente Feijoo, o especialista en toponimia do Seminario de Onomástica da RAG que impartirá as charlas.
Terceira edición dunha iniciativa coa toponimia como base
Esta que se inicia será a terceira edición deste programa de promoción da lingua galega que toma como base a toponimia de Galicia, disciplina que estuda os topónimos ou nomes propios de lugar e que constitúe un aspecto fundamental do noso patrimonio, ademais de ligar a lingua propia coa xeografía, a historia ou a arqueoloxía de noso.
Os encontros céntranse na toponimia galega (nos motivos da abundancia de nomes de lugar no país, toponimia galega como patrimonio inmaterial…) e tamén na propia de cada concello (significados dos nomes das parroquias e das aldeas, como consultar a toponimia xeorreferenciada de cada municipio no Buscador de topónimos ou utilidades desta ferramenta).
Mazaricos, Manzaneda, Ribadavia, Cambados, Beariz, Ordes, Guitiriz, Lalín, Taboada, Muxía, Noia, Folgoso do Courel, Cerdedo-Cotobade, Pazos de Borbén, Vilalba e tamén o Bierzo acollen as charlas durante os meses de novembro e decembro. Toda a información e o calendario de sesións irase actualizando no Portal da Lingua Galega, na Axenda de Cultura de Galicia e no web da RAG.