Manifesto pola recuperación de dereitos e a devolución do horario lectivo do profesorado galego

Cara á folga no ensino convocada para o próximo xoves 12 de decembro, os colectivos convocantes acaban de difundir o Manifesto pola recuperación de dereitos e a devolución do horario lectivo do profesorado galego, que achegamos integramente:

O profesorado galego vén sufrindo un recorte xeneralizado dos seus dereitos laborais desde o ano 2009 ao igual que a maioría da sociedade galega. A crise económica converteuse nunha estafa maiúscula e nunha tormenta perfecta para acometer recortes á clase traballadora e para limitar o peso do sector público naqueles estados onde aínda tiña un papel importante: a sanidade, o ensino público, os servizos sociais ou as pensións públicas.

Nestes anos o persoal docente do ensino público padecemos recortes salariais, a introdución de taxas de reposición, a perda de postos de traballo de persoal interino e o apoio crecente á privatización do ensino público. Moitas destas medidas foron introducidas ou potenciadas pola LOMCE, unha lei imposta en solitario polo Partido Popular e que contou co rexeitamento amplamente maioritario da sociedade en xeral e do profesorado en particular.

Os vellos problemas que o ensino público viña arrastrando agraváronse nestes anos. Mantivemos ou vimos incrementadas unhas ratios elevadas que dificultan o noso traballo docente e a mellora da atención ao noso alumando. A atención á diversidade converteuse nun dos principais puntos fracos do sistema educativo, basicamente polo desinterese da administración educativa e pola redución de profesorado de apoio así como polas graves carencias en formación para dotar o conxunto do persoal docente de ferramentas básicas para traballar co alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.

Os recortes orzamentarios e de persoal impediron desdobres en moitas materias, provocaron o agrupamento indiscriminado de alumnado de diferentes niveis, ciclos e mesmo etapas en moitos centros do rural mentres inzaron as aulas das zonas urbanas sen ter en conta o alumnado repetidor nin ao que precisa apoio específico, ao tempo que se producía unha aposta desde a Consellaría pola desgaleguización nos nosos centros. En resumo, a última década serviu para acentuar as carencias do ensino público e para empeorar gravemente as condicións nas que, como docentes, desempeñamos o noso traballo diario.

Os recortes no ensino público e o empeoramento das nosas condicións de traballo viñeron acompañadas nesta década da soberbia dun goberno galego, instalado nunha maioría absoluta que se converteu na negación da negociación e que impuxo unilateralmente todas as medidas restritivas ao persoal docente, limitou dereitos, recortou salarios, anulou acordos e aumentou o horario do profesorado.

A ampliación do horario do profesorado de Educación Infantil, Primaria e Especial foi aplicada no ano 2011 polo goberno Feijóo, tomando a dianteira aos recortes xeneralizados que se aplicaron no ano seguinte en todo o Estado e desprezando un acordo asinado pola práctica totalidade das organizacións sindicais no ano 2007. Foi no ano 2012 cando, por primeira vez desde a transición, un goberno central invade as competencias dos gobernos autónomos e lexisla sobre o horario lectivo do profesorado, elevando a mínimos os 20 períodos lectivos en secundaria e os 25 en Primaria.

A ampliación deste horario lectivo devolveunos, no caso das mestras e mestres, á situación anterior ao acordo de 2007. Recuperar as 21 horas é un dereito e un respecto a un colectivo docente que durante décadas demandou a equiparación co resto dos corpos docentes e tamén representa unha aposta por evitar discriminacións dentro dun mesmo centro. A Consellaría de Educación mantivo formalmente os mesmos cadros de persoal durante este tempo mais non en todos os centros. Naqueles nos que puido reducir apoios en infantil ou persoal das especialidades de atención á diversidade, aplicou a tesoira con contundencia, aumentando as itinerancias e a impartición de especialidades nas que non somos especialistas.

Nos corpos de secundaria o efecto do incremento desde as 18 sesións ás 20 foi especialmente duro. Perdeuse unha cifra superior aos 1.000 postos de traballo e acentuáronse os problemas que se viñan producindo: impartición de afíns, a perda de postos de traballo do persoal interino, aumento do número total de alumnado aos que impartimos docencia, aulas saturadas en medios urbanos, denegación de desdobres, sobrecarga de traballo polo exceso de burocracia, etc…

O profesorado galego non está demandando traballar menos, está esixindo traballar mellor e quere algo tan básico como que se respecten os acordos asinados. O profesorado galego quere recuperar o que lle foi arrebatado, tanto a nivel individual para poder facer fronte a un elevado nivel de esixencia que implica hoxe estar ao fronte dun proceso de ensino aprendizaxe cada vez máis complexo, como a nivel colectivo, recuperando os postos de traballo que a aplicación dos recortes se levou por diante.

O profesorado galego defende un ensino público de calidade, aposta por ser partícipe dun proxecto educativo fundamentado nun ensino galego e en galego, que atenda a diversidade, que se fundamente na equidade social e que sexa participativo. O profesorado galego cargou sobre as súas costas na última década o peso dos recortes e agora di que abonda xa. Como docentes non estamos dispostos a seguir nas mesmas condicións. Non renunciamos a nada: queremos mellorar as ratios, queremos atender mellor o noso alumnado, queremos liberdade para poder impartir docencia en galego, queremos seguir traballando, queremos facelo mellor e en mellores condicións. Queremos reducir a carga burocrática e gañar democracia nos centros, potenciando os equipos docentes e as coordinacións didácticas fronte a un sistema piramidal que a LOMCE potenciou.

O primeiro paso é recuperarmos os nosos horarios lectivos, coa intención de mellorar a calidade do ensino público. Facelo é de xustiza. Conseguilo vai ser o noso obxectivo. Aplicalo será unha clara mellora para todas e todos nós como docentes mais para o ensino público en xeral. É hora de que a Consellaría de Educación escoite a nosa voz, a voz dun profesorado unido para defender os nosos dereitos e o ensino público galego. Precisamos de todas e cada un.

POLO ENSINO PÚBLICO GALEGO
POLOS DEREITOS DO PROFESORADO
POLA RECUPERACIÓN DO NOSO HORARIO LECTIVO

TODAS E TODOS Á FOLGA DO 12 DE DECEMBRO

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*