Trinta escolas incorpóranse este ano á iniciativa para estimular o espírito científico entre o alumnado.
Un total de 119 centros educativos públicos de toda Galicia (30 de nova incorporación este ano) desenvolverán un “Club da Ciencia” durante o presente curso 2019/20. É unha iniciativa da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional que ten como finalidade estimular o espírito científico entre o alumnado galego ao tempo que impulsar as vocacións STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) cara a estudos posteriores nos campos de coñecemento do ámbito científico tecnolóxico.
O “Club de Ciencia” defínese como un espazo de aprendizaxe non formal baseado nunha metodoloxía de indagación onde os docentes suxiren diferentes accións enfocadas ao alumnado co obxecto de que podan dar resposta ás súas curiosidades, aos seus intereses e resolver problemas. Deberá estar formado por un ou máis docentes de calquera especialidade e alumnado de educación primaria, secundaria obrigatoria ou bacharelato. Un dos docentes actuará como coordinador do club. Desenvólvese fóra do horario lectivo do alumnado nos espazos que se consideren ou habiliten do centro docente. Este horario deberá cumprir como mínimo unha media de catro horas ao mes, comezando a partir da concesión definitiva do proxecto ata final do período lectivo do alumnado durante o curso 2019/20. Cada centro docente seleccionado recibe 1.250 € como axuda para gastos nas súas actividades.