Manifesto por unha educación que afronte o estado de emerxencia climática e planetaria


Ecoloxistas en Acción lanzou este manifesto coincidindo coa celebración ’Foro de Educación para a emerxencia climática e planetaria’, unha actividade organizada polo colectivo no Encontro Social do Clima que se desenvolve estes días de maneira paralela á COP25.

Aquí o texto íntegro:

A humanidade e os ecosistemas, dos que dependemos, enfróntanse a unha grave e irreversible crise climática, á que se engaden a progresiva diminución de recursos enerxéticos fósiles, unha forte perda da biodiversidade e unha crecente emisión de residuos químicos e radioactivos non asumibles pola biosfera, todo iso nun contexto de crecente desigualdade.

De non dar un xiro radical, esta deterioración das condicións da vida vai supoñer unha diminución da dispoñibilidade de alimentos, de auga doce, de solo fértil e de materiais que van carrexar graves dificultades de supervivencia e de vida digna á maior parte da humanidade e ás demais especies.

O sistema educativo e o sistema cultural dominante non só non están adaptados aos tempos que se aveciñan e aos cambios que se necesitan, senón que nos conducen a máis velocidade cara ao colapso. Aprendemos que hai que producir máis, que é bo ir máis rápido e máis lonxe, que o desenvolvemento dos países ricos traerá o desenvolvemento dos países empobrecidos, que só traballa quen ten emprego e que a tecnoloxía nos traerá as solucións necesarias. Estas aprendizaxes son agora contraproducentes ou suicidas.

Hai moitas persoas, organizacións, comunidades, e agora unha xeración que se levanta, loitando por un xiro radical. O sistema educativo, na parte na que tamén pode ser proactivo, non pode quedar atrás.

Faise necesario, por tanto, introducir cambios profundos no sistema educativo (ademais de nos sistemas extractivos, produtivos, de distribución, de consumo e de reciclaxe).

1. Ten que realizarse unha adaptación do currículo educativo á necesaria transición a unha sociedade ecolóxica e xusta, en todos os niveis, o que significa unha revisión do conxunto das materias e de cada unha delas. Teñen que introducirse proxectos específicos relativos á transición ecolóxica e á emerxencia climática. Isto implica a incorporación dunha física, unha química e unha xeografía da sustentabilidade, unha economía ecolóxica e dos coidados, unha historia do territorio, unha comprensión do metabolismo de materiais e da enerxía, unha bioloxía máis centrada na ecoloxía e a ecodependencia, unha alimentación agroecolóxica, unhas tecnoloxías compatibles coa sustentabilidade, unhas matemáticas que estuden as contas da terra e da equidade, unha comunicación da sustentabilidade e a xustiza, unha ética social e ambiental, unha aprendizaxe dos sistemas complexos, unha prácticas da organización social e a resolución de conflitos, etc.

2. É necesaria unha educación no territorio, máis aló das aulas, que permita vincularse con el, comprender in situ as consecuencias da acción humana e defendelo como a base material que sustenta a vida.

3. Deben modificarse as infraestruturas educativas, así como a accesibilidade a estas, de tal maneira que sexan ecoloxicamente sustentables, que permitan a aprendizaxe da sustentabilidade nos mesmos centros educativos e sirvan de referencia para o resto da comunidade.

4. Deben desenvolverse e promoverse unhas metodoloxías inclusivas que favorezan a aprendizaxe colectiva, a vivencia da solidariedade, a organización da comunidade e a vinculación responsable co territorio do que dependemos para sobrevivir e vivir con dignidade. Deberan reformularse os sistemas de avaliación da aprendizaxe individual e colectivo, da organización dos centros e revisar a forma de albiscar o futuro para o que aprender e polo que loitar.

5. Ten que realizarse unha adecuada formación do profesorado para a emerxencia climática e a transición ecolóxica e social, tanto nas escolas de maxisterio, como nos másteres de capacitación do profesorado ou nas carreiras que van impartir docencia. Debe contemplarse tamén esta formación nos sistemas de acceso á función pública, así como na formación permanente do profesorado.

6. Teñen que construírse solucións prácticas tales como os comedores ecolóxicos e amables, a mobilidade sustentable ao redor dos centros educativos, os hortos escolares, os proxectos de rehabilitación ecolóxica do territorio, o abastecemento de produtos ecolóxicos e locais, a articulación de redes veciñais e comunitarias, etc.

7. Ten que facilitarse a creación e distribución de materiais e recursos centrados na transición ecolóxica para apoiar a tarefa do profesorado e da comunidade educativa.

8. Teñen que denunciarse as falsas solucións de lavado verde que acaban sendo máis malgasto de enerxía e de materiais e máis desigualdades sociais. É preciso comprender en toda a súa magnitude a crise ecolóxica e climática e os seus verdadeiros responsables: as políticas de extracción-produción-distribución- consumo-refugallo, o agro-negocio, a hipermobilidade motorizada, as regras do mercado, os intereses das grandes corporacións, os grandes medios de comunicación e as formas de vida insustentables.

Para o cambio de rumbo radical necesítase implicar a todos os niveis educativos desde a educación infantil ata a universidade, incluíndo a formación profesional. É necesario tamén establecer sinerxias coa educación non formal (asociacións, colectivos comprometidos co cambio social) e en especial coa educación ambiental, aproveitando e dinamizando a súa rede de equipamentos e recursos.

O cambio educativo ten que ser tamén un cambio cultural, no que deben implicarse tamén os medios de comunicación, os axentes de creación de opinión, as comunidades educativas, as institucións e os movementos sociais, que deben ser conscientes de que xa hai unha emerxencia climática, social e ecolóxica.

Temos pouco tempo para reaccionar e non hai planeta B.

*Manifesto por unha educación que afronte o estado de emerxencia climática e planetaria, chegado vía Diario.eco

Preme aquí para acceder ao formulario de adhesión do Manifesto

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*