Inauguración da exposición itinerante “Xosé Mosquera Pérez, o Vello dos Contos”

Desde o luns 10 de febreiro o IES Terras de Turonio, de Gondomar acolle a exposición itinerante “Xosé Mosquera Pérez, O Vello dos Contos”, unha mostra de fotos dos anos 30 e 40 que está circulando por centros educativos de Galicia e Norte de Portugal para divulgar a vida e obra deste importante persoeiro e os II Premios Internacionais de Podcast O Vello dos Contos, onde colabora a asociación cultural e pedagóxica Ponte…nas Ondas!.

O evento abriu as celebracións da semana da radio, xa que o xoves 13 de febreiro, Ponte…nas Ondas! convida as escolas a sumárense á celebración do Día Mundial da Radio que a UNESCO promove en todo mundo nesta data. A temática proposta pola UNESCO en 2020 é a DIVERSIDADE en todas as súas manifestacións: diversidade cultural, diversidade de xénero, diversidade de idades, nacionalidades, etc. Ponte…nas ondas!, como experiencia de radio interescolar multimedia, proponlles ás escolas que expresen a súa diversidade empregando todas as posibilidades que ofrece a radio en todos os seus xéneros xornalísticos ( entrevistas, reportaxes, opinións, etc. ), formatos ( audios, podcasts, vídeos, etc. ) e transmisións ( FM, radio online, redes sociais ).

Presentación do certame escolar de podcast

Trala inauguración da exposición, o alumnado deste centro educativo, un dos pioneiros da radio escolar en Galicia, promovida polo colectivo Ponte… nas Ondas!, que este ano celebra o seu 25 aniversario, vai participar nun programa de radio especial para promover os II Premios Internacionais de Podcast O Vello dos Contos e presentar a web deste primeiro certame escolar de podcast en galego e portugués www.ovellodoscontos.gal

*Hai máis de 1.000 euros en premios para os participantes nesta segunda
edición do certame.
*A solicitude de participación hai que enviala antes do 28 de febreiro de 2020 ao correo certameradiofonico@iesrosaliadecastro.org
*No asunto indicarase “Premio Xosé Mosquera” e o nome do centro.*

Ás portas da celebración do 25 Aniversario de Ponte…nas Ondas!

Recordamos que para conmemorar os 25 anos da Asociación, Ponte…nas Ondas! convida ás emisoras de radio e ás escolas da Eurorrexión a participaren no maratón radiofónico que terá lugar o vindeiro 27 de marzo. O evento principal deste 25 aniversario da innovadora experiencia de radio interescolar e patrimonio inmaterial vaise transmitir en directo a través do portal Escolas nas Ondas e desde as emisoras de radio participantes, unha das cales estará no campus da Universidade de Vigo.

Ao longo de 2020 Ponte…nas Ondas! realizará outras actividades, como é unha nova edición do certame de recolla “As imaxes do Patrimonio”, convocatoria xa aberta ás escolas deica o mes de xuño. Ademais, en maio realizarse unha xornada galego-portuguesa de xogos tradicionais.

Cara ao final deste ano de aniversario da pioneira ponte interescolar transfronteiriza, a asociación celebrará o Día Internacional do Patrimonio, con diversas actividades co patrimonio inmaterial galego-portugués como eixo central. Ademais, durante todo o ano, os centros educativos acollen obradoiros de radio organizados por PNO.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*