A primavera da nosa lingua, “na xente nova”

Alumnado do CEIP Cruceiro de Canido representando a obra "As pitas baixo a choiva", de Carvalho Calero
“O Día das Letras Galegas é unha festa para todos e a Real Academia Galega (RAG) ten especial interese en que os nenos e as nenas participen tamén na celebración dun xeito activo, lúdico e, asemade, didáctico”, subliñou Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega, na presentación este martes 11 de febreiro, dunha nova edición do proxecto Primavera das Letras, desta volta dedicado a Ricardo Carvalho Calero.

O evento tivo lugar da man da comunidade educativa do CEIP Cruceiro de Canido, en Ferrol. O presidente da RAG agradeceu a acollida do colexio e salientou na súa intervención a escolla de Ferrol, “primeira patria de Carballo Calero”, como punto de partida desta nova Primavera das Letras. No acto participou tamén a escritora e académica Fina Casalderrey, encargada de presentar a Primavera das Letras, destacando a importancia que a RAG lles concede ás novas xeracións. “A Real Academia quere manter un vínculo duradeiro con vós porque sabe que a verdadeira primavera para a nosa lingua e a nosa cultura está na xente nova”, díxolles aos nenos e nenas. Asemade, felicitou a rapazada e o profesorado pola cálida acollida. “Don Ricardo sentiríase especialmente feliz e emocionado se puidese presenciar a vosa homenaxe”, concluíu.

Teatro e música para abrir a Primavera das Letras

“Pasou a infancia no barrio de Ferrol Vello, tamén foi docente nela, nunha escola chamada Centro de Ensinanza Xeral que estaba na rúa Dolores, onde actualmente hai un centro comercial”, recordou a directora do centro educativo, Concepción Requejo, sobre o veciño ilustre que “dedicou a súa vida a dignificar o idioma e a cultura galega”, subliñando o estreito vínculo con Ferrol de Carvalho Calero.

O alumnado de 5º e 6º da escola fixo un animado percorrido pola biografía do autor, incluíndo o recitado de versos da súa autoría e fragmentos da súa primeira novela, A xente da Barreira. De paso, representaron o seu conto “As pitas baixo a choiva”. “Xunto coa axuda do equipo de dinamización da lingua galega e demais profesorado do centro, os nenos prepararon en apenas tres semanas esta achega á figura de Ricardo Carvalho Calero, un ferrolán que amaba a súa terra e de grande importancia para Galicia polo seu compromiso coa cultura e polo coidado da nosa lingua”, conta o responsable do equipo de dinamización da lingua do colexio, Pablo Fuertes Dopico.

Recursos didácticos sobre o autor en internet

Primavera das Letras fornece os nenos e nenas de infantil e primaria de material lúdico e didáctico arredor da figura homenaxeada cada 17 de maio dende o ano 2016, dedicado a Manuel María. Dispoñibles na web Primaveradasletras.gal, os materiais da primeira edición e das seguintes, dedicadas a Carlos Casares, María Victoria Moreno e Antonio Fraguas, poden consultarse nunha das seccións da web. Os primeiros materiais dispoñibles trazan unha biografía do homenaxeado, ofrecen unha visión de conxunto da súa obra como creador literario, detéñense tamén na súa Historia da literatura galega contemporánea e convidan a saber máis sobre a súa cidade natal, Ferrol, e o teatro e a ópera, dúas das súas grandes afeccións.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*