Isma Kalo estrea o videoclip de A quen lle importa? co que gañou o Quero Cantar

“A letra naceu a partir dunha tormenta de ideas na que foron saíndo diferentes temas que me interesan. Eu tampouco quería lanzar ningunha mensaxe en particular pero unha das cousas máis bonitas que me está a pasar con todo isto é ver como a xente está a construír as súas propias interpretacións e, sobre todo, que se está a facer preguntas. Parece que a cuestión da identidade e a liberdade persoal, que aparece no retrouso da canción, é co que máis se está quedando a xente que a escoita. O meu soño como artista sería chegar a resultar inspiradora para outras persoas, igual que moitos outros artistas o son para min. Coido que vivimos nunha sociedade na que non reflexionar resulta demasiado doado”. Así o explica a coruñesa Isma Kalo, estudante no instituto da Sardiñeira, ao respecto da peza A quen lle importa?.

Con esta creación conseguiu gañar a última edición do concurso Quero Cantar, o certame de música infantil e xuvenil que promove a Deputación da Coruña. Este xoves 20 de febreiro foi a estrea do videoclip da canción gañadora. Un vídeo que, de feito, forma parte do premio que lle corresponde a Isma Kalo como gañadora.

Isma Kalo estrea tamén novas composicións

A sala Manuel López da Biblioteca da Deputación acolleu un evento que, ademais da proxección, consistiu nun coloquio e na interpretación por parte da artista dun novo tema de composición propia e de varias cancións balcánicas. Sobre esta particularidade que levantou a curiosidade do público, Isma Kalo asegura que a súa “verdadeira paixón é a música e, en xeral, a cultura balcánica. Nunca me pasara pola cabeza compoñer, pero fixen A quen lle importa? porque me gustou a proposta do Quero Cantar. É certo que agora, tras gañar o concurso, síntome máis animada a seguir compoñendo e xa teño algúns temas novos”.

Ante este feito, o deputado de Cultura da Deputación, Xurxo Couto, manifestou que “así se ven cumpridos os obxectivos do certame de proporcionarlle canles á mocidade para amosar o seu traballo, e que se anime a seguir aprendendo e progresando no seu camiño na música. Sen esquecermos que estamos a falar de xente moi nova que ten que atender tamén as súas obrigas escolares”.

O videoclip publicouse en Youtube e nas redes sociais do certame ao rematar o acto e en breve a canción aparecerá canda outras nove de diferentes artistas no disco recompilatorio Quero Cantar 19. Este disco poderá descargarse de balde desde a páxina querocantar.gal e as mil unidades físicas que se editan en CD serán enviadas pola Deputación a centros escolares de toda Galicia.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*