Que propoñen as formacións políticas para o horario lectivo do profesorado?

A CIG-Ensino critica que “Feijóo nin negocia nin contesta” e interpela o resto de formacións arredor da cuestión.

“Despois de meses de negativa a negociar por parte da Consellaría de Educación, dun peche sindical e de forzar mesmo unha reunión coa conselleira, de concentracións do profesorado e dunha folga cunha alta participación do persoal docente dos centros públicos de Galiza, todas as organizacións sindicais decidimos dirixirnos ao presidente da Xunta, como último responsábel de que o seu goberno non abra unha negociación para que a partir de setembro de 2020 todo o profesorado galego poida recuperar o que por xustiza e lei nos corresponde: a recuperación dos horarios lectivos previos aos recortes implantados unilateralmente polos gobernos do PP en Madrid e Galiza”, expresan desde CIG-Ensino nunha nota difundida á prensa esta semana.

A formación critica e define de “impresentábel e antidemocrático, coa censura policial aos medios de comunicación que quixeron seguir a noticia”, o recente recibimento no edificio de San Caetano, sede do goberno galego. Transcorridas máis de dúas semanas desde a entrega do escrito dirixido ao presidente da XUnta, as organizacións sindicais con representación nas Xuntas de Persoal e na Mesa Sectorial lamentan a falta de resposta polo agora presidente en funcións e candidato do PP á presidencia da Xunta.

Interpelación a todos os grupos sobre os desafíos da educación

O día 5 de abril decídese como será o futuro parlamento e, por tanto, quen terá maioría para gobernar na Xunta. Son moitos os temas que a CIG-Ensino entende que se lle deben trasladar a quen ocupe a Consellaría de Educación a partir das eleccións, e son coñecidos os temas que centraron as campañas da confederación sindical nos últimos anos: redución de ratios, mellora na atención á diversidade, aumento de profesorado, autorización de desdobres e reforzos, redución da burocracia, democratización da elección de direccións, recuperación do poder adquisitivo, etc…

“A recuperación do noso horario lectivo (18-21 horas) ocupa un papel fundamental entre todas as demandas, trasladadas ao actual goberno e ao que poida saír das urnas do 5A. Non só polas repercusións que a nivel individual terá en todas e cada unha das e dos docentes galegos senón polas consecuencias colectivas que implica e que, en boa medida, gardan relación directa coa maior parte das reclamacións que mantemos como sindicato maioritario”, sinalan.

Por este motivo, as organizacións sindicais con representación no ensino público, acaban de enviarlle unha carta persoal ás persoas que encabezarán as candidaturas en representación dos actuais grupos parlamentares na oposición para interpelalas directamente cunha pregunta clara e concisa ao respecto do noso horario lectivo. “Comprométese vostede a negociar a devolución do horario lectivo do profesorado galego para podermos recuperar os 21 períodos lectivos en infantil e primaria e os 18 na secundaria, FP e ensinanzas de réxime especial, con efectividade para o curso escolar 2020/21?”.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*