Ponte…nas Ondas! 25 anos re-transmitindo o patrimonio

  • Este 2020 a Asociación Cultural e Pedagóxica PONTE…NAS ONDAS! celebra 25 anos de actividade.
  • O ano comezaba coa conmemoración do Día Mundial da Radio que tivo como temática “a diversidade”. E a celebración, prevista para o 27 de marzo, dunha xornada de radio en directo que tivo que ser aprazada pola situación actual de emerxencia sanitaria.
  • Agora, outra actividade que está aberta para este ano é a 3ª edición do certame AS IMAXES DO PATRIMONIO ademais dun concurso on line sobre os 25 anos de Ponte…nas ondas!

AS IMAXES DO PATRIMONIO
Consiste en recuperar fotos antigas que posúen as familias, dixitalizalas e redactar un texto relacionado coa imaxe. Un certame de fotografías antigas para realizar en familia e na que a xente nova pode coñecer moitos aspectos do patrimonio cultural que se encontra documentado nas fotografías familiares. Con estas imaxes accédese a unha boa parte de expresións culturais que xa desapareceron ou que xa son descoñecidas polas novas xeracións.

O patrimonio inmaterial é constituído principalmente por coñecementos, técnicas, formas de organización ou de expresión colectiva xunto coas manifestacións festivas e familiares. Está localizado nas prácticas da vida cotiá que son realizadas polo membros da sociedade e que teñen nas familias os núcleos básicos. A cultura inmaterial é aquela que é vivenciada polas persoas portadoras e, como tal, está documentada desde os inicios da fotografía.

As imaxes dos álbums familiares conteñen moitas destas manifestacións e vivencias que poden ser descoñecidas polo alumnado dos centros educativos. Precísase que a xente máis nova coñeza o seu pasado recente e que sexa quen de interpretalo. Neste labor de transmisión e vivencia das imaxes é necesaria a implicación da familia para axudar a comprender os contextos onde se produciron as expresións culturais documentadas.

O CERTAME

Podese participar on line enviando as imaxes cun texto ao portal Web www.escolasnasondas.com

Formulario para o envío das imaxes: http://escolasnasondas.com/iii-edicion-do-certame-de-recolla-das-imaxes-do-patrimonio-cultural-inmaterial-galego-portugues/

Establécense dúas categorías e os seguintes premios:

1ª Categoría ( alumnado de E.Infantil e E.Primaria ):
• 1º premio: Un ordenador portátil para a familia remitente da fotografía gañadora
• 2º premio: unha tablet de 10”
3º premio: unha cámara dixital compacta

2ª Categoría ( alumnado ESO, Bacharelato e Formación Profesional):
• 1º premio: Un ordenador portátil para a familia remitente da fotografía gañadora
• 2º premio: unha tablet de 10”
3º premio: unha cámara dixital compacta

info: http://escolasnasondas.com/wp-content/uploads/2019/11/Diptico_GAL.pdf

Aquí as gañadoras da I e da II edición (tamén o acceso ao arquivo completo das imaxes participantes)
http://pontenasondas.org/ii-certame-de-fotografia-imaxes-do-patrimonio-aqui-as-ganadoras/
http://pontenasondas.org/i-certame-de-fotografia-imaxes-do-patrimonio-xa-temos-ganadoras/

CONCURSO ON LINE DESDE O 29 DE MARZO
Este concurso online terá como premios dúas fins de semana nunha casa de turismo rural e poderán participar todas as persoas que contesten as preguntas sobre o labor de Ponte…nas ondas! Que atoparán nas Webs ( www.pontenasondas.org , www.opatrimonio.org, www.escolasnasondas.com ). O concurso manterase aberto ata o mes de xuño.

RECURSOS INTERACTIVOS CO PATRIMONIO
Ponte…nas ondas! pon a disposición do profesorado, das familias e dos mais novos recursos interactivos co patrimonio cultural inmaterial de Galicia e Portugal na súa web: www.pontenasondas.org

25 ANOS CO PATRIMONIO

Ao longo destes 25 anos, Ponte…nas ondas! foi promovendo e difundindo a riqueza patrimonial que ten a súa orixe no Norte de Portugal e Galicia. Un patrimonio que transcendeu as fronteiras da actual Eurorrexión e que hoxe presenta manifestacións por todo o mundo.
A actividade máis recoñecida teñen sido as xornadas de radio inter-escolar na que teñen participado ao longo destes 25 anos máis dun milleiro de centros educativos galegos e portugueses, tamén doutros países como Cuba, Arxentina, Chile, Mozambique ou Brasil. Esta actividade foi recoñecida por importantes profesionais da comunicación de Portugal e España e obtivo o seu máximo premio en 2014 co Premio Ondas à “mellor cobertura do patrimonio inmaterial galego-portugués”.
Ademais, paralelamente foron desenvolvéndose outras iniciativas como as Mostras da Oralidade Galego-Portuguesas onde participaron persoas portadoras do patrimonio de Galicia e de Portugal. Esta dinamización do patrimonio común emprendida desde as escolas xerou a proposta da Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués, a primeira candidatura transnacional promovida por centros educativos de dous países e presentada por Portugal e España na UNESCO en 2004.
Pero o labor continuou con Certames de Recolla da Tradición Oral realizados desde os centros educativos para preservar e transmitir manifestacións e expresións aínda vivas nas persoas portadoras. Estas recollas están actualmente dixitalizadas no portal do patrimonio: www.opatrimonio.org A actual iniciativa de recolla das imaxes do patrimonio enmárcase nesta liña de traer ao século XXI as expresións do patrimonio que conforman a identidade galego-portuguesa.
Outra actividade transfronteiriza son os Encontros de xogos tradicionais galego-portugueses nos que participan centros educativos galegos e portugueses e que pretenden dar a coñecer ás novas xeracións os xogos populares que conforman este patrimonio lúdico.

Colaboracións

Ponte…nas ondas! ten implicado ao longo destes 25 anos a persoas, colectivos e a institucións que o fixeron posible:
Os centros educativos que teñen participado activamente nas propostas que transcenden o ámbito escolar e implican unha metodoloxía pedagóxica activa e dinámica.
Ás emisoras e os profesionais da radio que entenden o valor da experiencia e que sempre colaboran activamente sendo un estimulo e un referente para a radio escolar.
Os artistas, músicos e grupos, que teñen prestado e ofrecido o seu talento con composicións e colaboracións propias para a experiencia na que participan tamén a través das escolas.
Os escritores e escritoras, creadores e creadoras, sempre estiveron á disposición do alumnado para recoller as súas palabras para a nosa ponte.
As asociacións e colectivos que teñen apoiado e colaborado nas diversas iniciativas relacionadas co patrimonio tiveron sempre a mellor acollida coas súas propostas.
As universidades que participaron nas actividades ofrecendo o seu asesoramento e mesmo a súa infraestrutura, especialmente as Universidades de Vigo e Santiago de Compostela.
As institucións en xeral, museos, concellos e Cámaras Municipais, deputacións, entidades transfronteirizas, Xunta de Galicia, Ministerios de Educación e Cultura de España e Portugal. etc. que foron acompañando as iniciativas que en cada momento foron propostas.

Publicacións

Outro dos traballos abordados desde Ponte…nas ondas! Ten sido a edición de materiais impresos e audiovisuais como a Revista do Patrimonio Inmaterial Galego-Português (2005), o libro-cd-dvd Meniños Cantores ( 2005 ), o libro-cd-dvd Cores do Atlántico ( 2010 ) e o libro-cd-dvd Na ponte ( 2013 ).

O MODELO PONTE…NAS ONDAS! : UNHA BOA PRÁCTICA

Diversos traballos e investigacións teñen abordado a experiencia de Ponte…nas ondas! Actualmente unha tese de doutoramento esta a ser desenvolvida constituíndo o traballo máis profundo sobre a actividade de Ponte…nas ondas! desde o punto de vista pedagóxico, cultural e social.
Recentemente, a Xunta de Galicia, o Ministerio de Cultura e Deporte de España e o Ministério dos Negócios Estrangeiros de Portugal teñen proposto a Ponte…nas ondas ! como unha das mellores prácticas co patrimonio cultural inmaterial e preparan unha candidatura para ser inscrita a experiencia na Lista das Mellores Prácticas co PCI da UNESCO.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*