As leccións do virus (e algunhas pistas para a as familias)


Artigo de Philippe Meirieu (15.3.2020). Tradución: Antón Costa Rico – Nova Escola Galega

Alén dos aspectos técnicos, o peche das escolas suscita numerosas cuestións de índole pedagóxica que nos permiten, porén, interrogarnos e reflexionar, máis alá das urxencias, sobre as condicións da educación…

Aprender xuntos

Recordemos os principios fundadores da nosa «escola pública republicana». A escola non é só un lugar deseñado para que cada neno poida efectuar individualmente aprendizaxes eficaces, pois é tamén un «espazo-tempo» no que nenos diferentes se reúnen para «aprender xuntos».

Reúnense aquí para escoitar a mesma palabra tutelar da mestra/e que os convoca a instituírense en colectivo, para seren interpelados polas mesmas cuestións e descubrírense capaces de accederen a saberes que os emancipan e os unen a un tempo, mais tamén para activar entre eles as solidariedades que lles permitirán elevarse por riba de si mesmos, e chegaren a estar máis armados intelectualmente, máis lúcidos e máis autónomos.

Sendo indispensable que o alumnado poida coñecer e utilizar todos os recursos posibles para unha escolarización a distancia (o dispositivo do CNED «Ma classe à la maison», os «Espaces numériques de travail» que existen nos institutos, plataformas como «Pronote», os sites das bibliotecas…) sería completamente ilusorio crer que pode ser posible «substituír» completamente a escola por un conxunto de dispositivos de aprendizaxe estritamente individuais, por moi diversos, numerosos e sofisticados que sexan.

É por isto polo que debemos poñer en práctica hoxe en día, sempre que sexa posible, a atención colectiva a distancia por parte dos docentes que reinstitúan, a través de videoconferencias por exemplo, o espazo simbólico da clase, que segue a ser un cadro fundador, no que se compromete e mantén todo o seu sentido o traballo de cada unha e de cada un.

É polo mesmo polo que é útil e posible que os nenos se comuniquen entre si a distancia. Poden contarlles aos outros a súa forma de organizaren o traballo persoal, identificaren os problemas encontrados e orientárense reciprocamente cara a esta ou a aqueloutra lectura ou exercicio. Do mesmo xeito, pode haber igualmente comunicacións entre un alumno máis novo que enfronta unha dificultade e un alumno máis vello e experimentado, pois este poderá explicarlle con achegamento aquilo que o alumno en dificultade non entenda.

O tempo de escribir

Tamén a escola significa, consubstancialmente, a construción da entrada na escrita. Sexa na escola primaria, cando aprendemos a ler e escribir, ou sexa logo mediante o acceso mediante a lectura ou a escrita a textos máis longos e complexos. Ler e escribir permite, en efecto, acceder a unha comprensión máis profunda do que nos rodea e a unha expresión progresivamente máis rigorosa do noso pensamento. Significa comprometerse con camiños inexplorados, descubrir perspectivas novas e comunicar con outro, integrando sempre mellor as esixencias de precisión, de corrección e de verdade que permitan acceder a unha comunicación serena e fecunda.

O rol da escola é, sen dúbida, o de facerlle descubrir aos nenos que a lectura e a escrita, no nivel de complexidade correspondente á súa idade, non son só «probas» propias do «percorrido dun combatente» escolar, senón a ocasión de acceder a satisfaccións novas insospeitadas.

Por que non aproveitar estas xornadas de desaceleración para enriquecer a escrita? Por que non implicar o alumnado en novas lecturas, probar a ler con eles os mesmos textos para, de seguido, intercambiar impresións, a nosa comprensión, as posibles obxeccións? Por que non incentivar que os nenos se escriban entre si, mais tamén para escribirlles a eles e que eles nos escriban a nós? Non poderían comezar a escribir reais e máis longos textos que os habituais presentes nas redes sociais?

Con frecuencia eu vinme obrigado a retrucarlles aos pais que se queixaban de que os seus fillos non os escoitaban: «Escríbanlles… e xa lles responderán, non se desesperen!» E, postas así as cousas, agora os nenos terán tempo para escribiren poemas e cartas amorosas, retomaren unha redacción ou unha disertación antes mal ensarillada, redactaren ou compartiren críticas de filmes ou de libros, elaboraren textos para o xornal da clase, que pode ser publicado mediante a pantalla a pesar do confinamento. E, por que non un concurso de novas ou de correspondencia a escala dun barrio ou dun centro?

Combatamos a pandemia do virus que nos illa mediante a multiplicación de textos de todas as categorías que nos exerciten nunha escrita esixente, que nos unen a pesar da separación e que virán darlles ledicia aos nosos días!!

Xestionar as pantallas

Se o anterior non fose abondo para encher as xornadas, hai multitude de actividades que permitirán enriquecer, en particular cos máis pequenos, as adquisicións feitas na escola: a cociña, a bricolaxe ou os xogos de sociedade representan ocasións extraordinarias para «facer xuntos»; enfrontarse a problemas, buscar como resolvelos, interrogarse sobre os coñecementos que é preciso mobilizar…

Que cousa hai máis útil senón procurar ser máis curioso e autónomo co fin de aproveitar mellor as leccións cando volva o tempo da escola?

Mais para isto hai que resistir, cando menos parcialmente, á fabulosa atracción das pantallas: resistir, que pode ser mesmo cambiar a relación do alumnado coas pantallas. Os adultos poderían ensaiar, por unha vez, a xogaren cos nenos aos xogos electrónicos, como paso para a continuación poderen falar sobre os seus contidos: é indispensable non deixar os nenos e rapaces sós diante da carga extraordinaria de violencia de moitos deses xogos, para que eles poidan distanciarse deles…

En canto ás televisións, que verán aumentar extraordinariamente as súas audiencias nestes días para a maior satisfacción dos anunciantes publicitarios, haberá que aprender a vela de xeito intelixente. E para isto, só direi unha cousa sinxela, porque sempre debería haber un adulto á beira dun neno: «Para cada emisión: escoller primeiro, ver con e falar de seguida».
Rachar o fluxo ininterrompido, acabar co zapping, soster unha visión continuada, atenta e crítica dos programas seleccionados: o máis eficaz antídoto contra a dependencia do «tempo do cerebro dispoñible» é unha preparación esencial para o exercicio de atención, tan decisiva en todas as formas de logro escolar e profesional.

Desigualdades sociais

Mesmo poderiamos esperar —soñemos un pouco— que o Servizo público do Audiovisual se mobilice nestes días para vir botar unha man ao servizo público do ensino coa súa extraordinaria riqueza de arquivos que poderían ser utilizados, sen dificultades insalvables, nunha perspectiva pedagóxica.

Porén, o éxito disto todo que veño propoñendo dependerá da posibilidade que teñan os pais e as nais de acompañar os seus fillos nestes días. Nisto e aquí existen as desigualdades, pero para isto existe a escola!!

Haberá que aproveitar esta crise para dicilo alto e forte: os nosos rapaces van á escola para beneficiarse dunha educación que lles permita a cada un e a cada unha acceder ás obras máis esixentes da cultura, independentemente das súas orixes, dos recursos materiais e intelectuais da súa familia ou dos accidentes da vida cos que teñan que enfrontarse.

É asunto de profesionais ben formados, dunha pedagoxía necesariamente diferenciada que asocie a construción dun cadro común cos acompañamentos específicos, asunto da vontade do Estado para darlle máis e mellor a quen ten menos. Reto escolar, pero aínda máis reto político: o combate contra as desigualdades escolares é inseparable do combate contra as desigualdades sociais; o coronavirus recórdanolo. E agardemos que a súa lección non sexa pronto esquecida.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*