10 medidas para o ensino en confinamento

Propostas de Nova Escola Galega – “Nestes tempos de alteración na vida ordinaria, ocorréusenos que había dez puntos en materia de educación nos que reflexionar e adoptar medidas. Fixémolo cun decálogo, que vos ofrecemos aquí”:

  1. Cómpre auto-coidarse e atenderlles aos COIDADOS e á COMUNICACIÓN, tanto co propio alumnado como coas súas familias e entre o profesorado. A empatía e a colaboración son vitais neste momento.
  2. Saudamos as novas medidas que permitirán un pequeno RESPIRO Á INFANCIA, agardando que, na súa aplicación e dentro do respecto ás condicións de seguridade, se poida actuar con flexibilidade, atendendo a diferentes situacións.
  3. É necesaria unha maior COORDINACIÓN e consulta da Administración en canto ao que deben ser os criterios de tele-traballo co alumnado, tanto en horarios como en comunicación, tarefas e contidos.
  4. Débense tomar medidas ante a evidente FENDA DIXITAL, que á súa vez evidencia a FENDA SOCIAL e mesmo de XÉNERO, amosando as tan diferentes condicións nas que as persoas viven este confinamento, así como tamén o seguimento académico. A educación é un dereito para toda a cidadanía.
  5. É mester modular con tino as TAREFAS que creen ansiedade, tanto pola cantidade como pola dificultade. Agora o desenvolvemento curricular varía e non é ordinario. Primemos as propostas imaxinativas, críticas, colaboradoras, diverxentes… aproveitando o que estamos aprendendo nesta situación. Defendamos o carácter global, aberto e plural que o currículo escolar debe asumir, dándolle a maior importancia ao desenvolvemento emocional.
  6. Hai que afondar nas posibles maneiras de RECUPERAR academicamente este tempo incómodo sen crearmos sensación de desbordamento no alumnado, nin nas familias, nin no profesorado, aplicando medidas compensatorias de desigualdades, pensadas e planificadas tamén a escala local.
  7. Cómpre unha AVALIACIÓN e VALORACIÓN POSITIVA a todo o alumnado para evitarmos incrementar a situación de desigualdade, vinculándoa con plans específicos durante o próximo curso escolar, que contemplen medidas de atención (reforzo educativo) axustadas ás necesidades que presente alumnado concreto. Evitemos as avaliacións inxustas, non equitativas e descontextualizadas. No caso dos cursos que implican titulacións, deben realizarse as probas tendo en conta, sobre todo, o currículo ata o 13 de marzo.
  8. Resulta urxente a TOMA DE DECISIÓNS CLARAS E CONSENSUADAS por parte da Administración
  9. Educativa para a corrección das deficiencias do sistema e a comunicación fluída, directa e efectiva coa comunidade educativa.
  10. Necesitamos ESTUDAR o acontecido con efectiva participación e consulta á comunidade educativa e axentes sociais para afrontarmos máis adecuadamente (currículos, recursos, profesorado, circunstancias familiares…) a situación que se pode dar en caso de se repetir algo semellante e que tería consecuencias no vindeiro curso.
  11. É preciso aumentar os investimentos en materia de educación para construírmos unha ESCOLA PÚBLICA que actúe como factor de integración, INCLUSIVA e EQUITATIVA.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*