Confirman o aprazamento das oposicións docentes a 2021

A Consellería de Educación asegura que se manterán as prazas ofertadas este ano.

“Mantivemos a celebración das probas mentres era posible cumprir os prazos precisos para o procedemento administrativo e coa confianza en recibir por parte do Goberno central informacións que achegasen certezas”, declarou este mércores 22 a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar. “A realidade é que a día de hoxe seguimos sen ter datos epidemiolóxicos por territorios que nos ofrezan unha perspectiva clara de como vai ser a volta á nova normalidade e das actividades que se poderán desenvolver e en que condicións”, engadiu, argumentando ante a Deputación Permanente do Parlamento de Galicia que esta situación é o que leva á Consellería a tomar a decisión de adiar as probas ao vindeiro ano.

As probas da oferta pública de emprego docente 2020 aprázanse así ao vindeiro ano 2021. A Consellería asegura que garantirá a “blindaxe das prazas ofertadas para os actuais opositores”. Avanzou Carmen Pomar que en canto se levante a suspensión dos prazos administrativos derivada do Estado de Alarma, vaise activar a inscrición nas probas “de xeito que os actuais aspirantes sexan os que opten ás prazas ofertadas na presente convocatoria”. “Blindamos desta maneira a celebración da OPE docente de Galicia do ano 2020 ante eventuais cambios de criterio dun Goberno central condicionado por unha situación económica adversa e que xa está a anunciar posibles recortes”, subliñou.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*