María Lado & Lucía Aldao, Bea Campos, Andrea Bayer, Paula Carballeira e Ledicia Costas son as contadoras desta iniciativa da Cidade da Cultura.
Todos os sábados, do 9 de maio ao 6 de xuño, compartirán as súas historias no web cidadedacultura.gal e nas redes sociais do Gaiás.
O Club das lerchiñas comeza coa sesión de María Lado & Lucía Aldao, dúas escritoras cunha ampla bagaxe en espectáculos baseados na narración oral e tamén para a cativada, que adaptan a contanconto a súa coñecida historia de Po e Xía. Seguiralle ao sábado seguinte, o 16 de maio, Bea Campos cunha versión do conto tradicional A princesa e o chícharo.
O sábado 23 de maio, Andrea Bayer estará acompañada polo monicreque Roque para facer chegar en liña desde a súa casa unha historia propia. Coñecida como contadora é tamén actriz, guionista e directora de teatro.
A seguinte sesión do Club das lerchiñas terá como protagonista o 30 de maio a Paula Carballeira e a súa historia Un conto con miga e codia. Pechará o Club das lerchiñas o sábado 6 de xuño a escritora Ledicia Costas co seu conto Conexión macarrón.