A arela dun nivel de gasto educativo “comparable ás sociedades avanzadas”

Propostas educativas de Nova Escola para as eleccións galegas.

“Recuperar o nivel de investimento orzamentario anterior á crise económica e manter uns niveis de gasto educativo comparables aos das sociedades avanzadas da nosa contorna”, é un dos eixos das conclusións do colectivo de renovación pedagóxica Nova Escola Galega. A asociación fixo público na véspera do inicio da campaña electoral para as eleccións ao Parlamento de Galicia 2020 un novo número do seu boletín “Nova Escola Galega Opina”, onde deixa enriba da mesa unha peneira de interesantes reflexións para as formacións políticas.

O documento comeza cun decálogo a xeito de “Principios de actuación”, os seguintes:

1. A educación é un dereito, e por iso é obriga e responsabilidade dos poderes públicos poñela ao alcance efectivo de todas as persoas en condicións de igualdade, garantindo a equidade no horizonte da construción du nha sociedade cada vez máis xusta, solidaria e libre.

2. Dada a distribución desigual de oportunidades económicas, sociais e culturais, e os complexos retos a afrontar para a construción dunha sociedade máis equitativa e efectivamente democrática, cómpre salientar a situación central da educación e dos servizos públicos que a desenvolven ao servizo do dereito de todos e todas, e das garantías da desexable cohesión social. Complementariamente, isto significa a construción do espazo cidadán público, integrador e inclusivo das diversidades.

3. Para isto é necesario impulsar en Galicia a mobilización cívica e social democrática, contraria á xestión administrativa neoliberal que practica a actual Xunta de Galicia, con ausencia dun proxecto político educativo consonte co Estatuto, sen por iso renunciar á súa renovación cara a un marco de competencias que permita maiores cotas de autogoberno.

4. Cómpre sinalar a prioridade ao financiamento público; isto é, dos centros educativos de titularidade e xestión pública, e loitar tamén desde as políticas públicas contra a vulnerabilidade e a fractura social e cultural a onde conducen diversos procesos formativos e institucionais caracterizados pola segregación e o elitismo social.

5. Precisamos fortalecer o sentido deliberativo e a democracia participativa, así como as capacidades de acción e decisión das diversas instancias de xestión democrática das institucións educativas.

6. No contexto dunha sociedade plural, esixente en canto ao cumprimento da Declaración Universal dos Dereitos Humanos e das súas traducións xurídicas internacionais, debe ser promovido o laicismo, a primacía da racionalidade na construción e investigación crítica do coñecemento, como tamén da racionalidade ética.
7. Reclamamos un sistema educativo galego e galeguizador; que se constitúa e impulse desde as enerxías creadoras dos galegos e das galegas, e que responda ás necesidades culturais, científicas, técnicas e sociais de Galicia. Un sistema cunha identidade cultural específica, un patrimonio e memoria que deben ser asento do noso horizonte colectivo nunha contorna mundial de moi fortes mudanzas que nos afectan e ante as que debemos ter unha posición activa e participativa, e non dependente.

8. Nun escenario de busca da sustentabilidade e de uso racional dos recursos, a Administración galega debe practicar a planificación, a coordinación e as economías de escala. A educación como servizo público ten moi alta proximidade con outros servizos públicos, sendo pois posible pensar na coordinación para unha mellor eficiencia dos recursos humanos e en particular das infraestruturas, como vía de loita tamén contra os desequilibrios territoriais.

9. Defendemos a centralidade da acción docente e dos procesos presenciais de ensinanza e aprendizaxe, que son, fundamentalmente, procesos de comunicación e Interacción na construción compartida de coñecementos, de convivencia, de resolución de conflitos e de educación moral. O valor da aula e do centro como comunidade pódese complementar, pero non se suple con propostas non presenciais nin coa mellor contribución dos mellores recursos dixitais posibles. Agora, debilitados por unha pandemia que subliña o valor dos recursos públicos, somos máis conscientes da importancia dunha educación pública, aberta, territorio compartido por todas as infancias e adolescencias en formación como espazos de vida e de aprendizaxe.

10. Entendendo os sinalados como obxectivos estratéxicos, NEG demanda a súa tradución en compromisos políticos concretos e a definición de áreas prioritarias de intervención.

A continuación debúllanse as medidas a impulsar, clasificadas en cinco apartados: En relación co dereito á educación, en relación cos centros de educación, en relación coa nosa lingua, en relación cos currículos e en relación co profesorado. O documento finaliza coa definición de seis horizontes a acadar

comezando pola chamada a desenvolver unha ampla concertación social democrática “encamiñada a un Acordo galego pola educación, así como a revitalización do Consello Escolar de Galicia, como estratexia política e contexto onde poder asentar unha Lei Galega de Educación, mesmo dentro dos actuais marcos constitucional e estatutario galego” e chamando tamén a “recuperar o nivel de investimento orzamentario anterior á crise económica e manter uns niveis de gasto educativo comparables aos das sociedades avanzadas da nosa contorna”.

A proposta completa no boletín de Nova Escola Galega Opina

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*