FEGADACE pide reactivación de centros e reforzo de atención nas súas propostas aos partidos

O colectivo trasládalle ás catro principais forzas políticas as prioridades para as persoas con dano cerebral adquirido.

A Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) remitiulles un documento de suxestións para mellorar a situación das familias con esta discapacidade ao PP, PSdeG-PSOE, BNG e Galicia En Común. Trátase de propostas estratéxicas, para o ámbito asistencial, educativo, laboral e de accesibilidade, xunto con outras específicas para facer fronte á pandemia.

Nos días previos ao inicio da campaña para as eleccións ao Parlamento de Galicia 2020 as catro principais forzas políticas recibiron as propostas do colectivo do dano cerebral adquirido, que suma a case dous milleiros de familias en Galicia.

Reactivación de centros

A Federación explica no documento de demandas a necesidade de reactivación dos centros de día e ocupacionais para persoas con dano cerebral. As asociacións membro de FEGADACE definen a situación causada pola COVID-19 e posteriores medidas de alerta sanitaria de “emerxencia terapéutica e social”, constatan un enorme deterioro das capacidades e retroceso no estado xeral das súas persoas usuarias, e refiren unha sobrecarga que está a colocar ao límite ás familias e persoas coidadoras.

Por iso se demanda a reactivación inmediata, avaliando individualmente a capacidade de cada centro e asociación para a prestación de todo o seu abano de servizos (non só rehabilitación, senón tamén inclusión, lecer, información, orientación laboral, asesoramento a familias, etc.).

“O feble sistema de atención á dependencia non é quen, polo momento, de chegar a todas as persoas e familias con dano cerebral, nin de prestarlles a atención interdisciplinar que precisan en base á complexidade da súa discapacidade”, expón o colectivo. A asociación recorda que a complexidade destas discapacidades requiren de programas de atención individualizada e que teñan en conta non só á persoa senón tamén á familia.

As propostas completas neste documento

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*