Proposta de normalización do galego no ensino elaborada pola Mesa e colectivos

O documento, que xa se pode consultar na rede, propón un modelo de sistema educativo no que o galego sexa a lingua vehicular e de aprendizaxe, dentro do máximo que estabelece o marco legal.

Ten en conta aspectos básicos como a formación do profesorado e do persoal do centro e a implicación de familias e alumnado nun proceso ao que ninguén pode ficar alleo. Esta implicación concrétase na participación da comunidade educativa tanto nas equipas de normalización como na súa actividade. Suxírese tamén, tendo en conta o contexto sociolingüístico, un periodo de transición durante o cal se partirá dun mínimo do 50% para ir incrementando a presenza da lingua galega como vehicular e de aprendizaxe.

Coa súa Proposta de normalización do galego no ensino en Galiza, A Mesa, movementos de renovación pedagóxica, ANPAS e organizacións sindicais “queren garantir o ensino en galego e dunha perspectiva galega que, ao tempo, contribúa a mudar a situación na sociedade”. O documento recolle achegas de todas as organizacións asinantes e conta cun amplo acordo. O presidente da Mesa agradeceu ás entidades asinantes e ás que finalmente decidiron esperar para confirmar o apoio, a súa disposición a traballar conxuntamente, “pondo a lingua por riba das lexítimas diferenzas”.

Participaron na presentación Marcos Maceira, A Mesa pola Normalización Lingüística; Lucía Barreiro, Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG); Santiago Quiroga, Nova Escola Galega (NEG); Fernando Lacaci, Confederación de Anpas Galegas; Xesús Bermello, Confederación Intersindical Galega – ensino (CIG Ensino); José Carlos Fernández Balado, Confederación Sindical Independente de Funcionarios- Ensino (CSIF- Ensino); Maica Couto, Sindicato de Traballadores/as do Ensino de Galiza (STEG).

O documento completo aquí

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*