“Nós vémolo claro, ti que ves?”

Campaña de FEAFES para amosar á sociedade as dificultades coas que se atopan as persoas con problemas de saúde mental nos seus procesos de inserción laboral.

“Botemos o estigma ao lixo” foi o lema en 2019 da campaña da Asociación FEAFES, daquela amosando o que sucede cando unha persoa con problemas de saúde mental accede a un emprego. Desta volta, aproveitando a conmemoración o 10 de outubro doutro Día Mundial da Saúde Mental, o Comité en Primeira Persoa de Saúde Mental FEAFES Galicia lanza a campaña de sensibilización “Nós vémolo claro, ti que ves?”.

O obxectivo desta acción é mostrar á sociedade as dificultades coas que se atopan as persoas con problemas de saúde mental nos seus procesos de inserción laboral, así como sensibilizar sobre esta realidade e amosar solucións positivas.

#VémoloClaro

A campaña “Nós vémolo claro, ti que ves?” consta dunha serie de fotografías nas que se poden ver a dúas persoas nun entorno laboral, unha con enfermidade mental e outra sen ela. A pesar de ser aparentemente semellantes, unha das persoas asegura ter moitas máis dificultades para acceder a un posto de traballo ou para manter un emprego debido ao estigma vinculado á saúde mental.

As fotografías serán publicadas durante a primeira quincena de outubro no blog mentalizaccion.org, así como na web e redes sociais de Saúde Mental FEAFES Galicia. Igualmente, o Comité en Primeira Persoa anima a todo o mundo a compartir as súas experiencias ou a difundir a campaña nas redes sociais empregando o hagstag #VémoloClaro.

Saúde mental e benestar

Á súa vez, a iniciativa vai en sintonía co lema do Día Mundial da Saúde Mental 2020: “Saúde mental e benestar: unha prioridade global”, defendendo que unha axeitada incorporación ao mundo laboral é unha forma máis de camiñar cara á plena inclusión das persoas de maneira positiva e saudable, libre de estigmas e prexuízos e poñendo no foco nas capacidades.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*