Parabéns a toda a sociedade que se molla polos ríos!
O domingo 27 de setembro de 2020 realizouse a XIII Limpeza Simultánea de Ríos en 48 concellos, segundo informan desde Adega e o Proxecto Ríos.
En cada localidade a actividade foi coordinada por diferentes entidades, dende asociacións ecoloxistas, culturais… até fundacións, centros de ensino e concellos, chegando ás 63 entidades. Houbo concellos nos que participaron varias asociacións limpando diferentes ríos como foi o caso de Lugo, Gondomar, Ames ou Santiago de Compostela, entre outros. Este ano fíxose a limpeza en 59 treitos de río e participaron 839 persoas, unha boa participación para os tempos que corren.
Neste ano continúan a sumarse á iniciativa concellos, asociacións de pescadores, culturais, xuvenís, ecoloxistas… de moitos lugares de Galiza. Outros grupos levan participado nesta iniciativa dende o inicio, e ao longo destes trece anos podemos observar unha diminución de lixo nos treitos dos ríos apadriñados por estas entidades, aínda que en 2020 volveron a aparecer moitas rodas de automóbiles.
Un ano máis a sociedade galega Mollouse Polos Ríos
Coma sempre, un feixe de refugallo variado tivo que ser recollido polo voluntariado galego. Os máis habituais, os plásticos: botellas, garrafas, bolsas, sacos… Pero tamén apareceron rodas, baterías e motores de automóbiles, cristais e latas; tamén pilas, restos de madeira, mobles, ferralla, algún televisor e entullos. Mesmo se retiraron uralitas, roupa ou calzado. Ademais, comezaron a aparecer máscaras e luvas nos cauces e ribeiras galegos.
En resumo, é necesaria moita máis sensibilización social para que isto non siga acontecendo.