A Real Academia Galega e a Fundación Barrié convocan a través do Portal das Palabras o concurso Olla a Palabra do Día!
O concurso pretende promover a difusión do léxico galego e, ao mesmo tempo, potenciar a creatividade, a capacidade de síntese e a aprendizaxe de conceptos mediante o chamado pensamento visual, que consiste en converter en imaxes sinxelas e recoñecibles todo tipo de conceptos e ideas. A convocatoria ponse en marcha coa colaboración do colectivo docente Galiza Visual, que promociona esta ferramenta didáctica nas aulas de todos os niveis.
A Palabra do Día adoita ter unha unidade temática semanal e cada termo acompáñase non só do significado da acepción en cuestión que recolle o Dicionario da Real Academia Galega, senón que tamén indaga nas súas orixes e ofrece exemplos de uso tirados de obras da literatura e os medios de comunicación galegos que engaden elementos inspiradores para as persoas que desexen participar no reto de traducir as palabras á linguaxe visual.