IX Limpeza simultánea de praias


O sábado 17 de outubro en ducias de areais galegos.

ADEGA convoca un ano máis a Limpeza Simultánea de Praias, unha xornada de voluntariado ambiental que ten como propósito concienciar á sociedade na loita contra a contaminación mariña. Esta IX edición terá lugar o vindeiro sábado, 17 de outubro en ducias de areais galegos.

Están chamados a participar na limpeza de praias e denunciar esta problemática ambiental os centros de ensino, escolas de surf, centros de mergullo, clubs de piragüismo e vela, pescadores, mariscadoras, concellos, e entidades de todo tipo, tanto públicas como privadas, ademais das persoas particulares. Os centros de ensino interesados en participar nesta actividade poden facelo até o vindeiro 10 de outubro.

Toneladas de lixo nos areais

O obxectivo das limpezas de praias é o de eliminar parte dos residuos que están nas praias como símbolo de chamada de atención sobre esta a situación de contaminación que sofren as nosas praias e areais.

As principais causas desta problemática ambiental débense situar no modelo de consumo e produción baseado no modelo “usar e tirar”, a deficiente xestión dos residuos que xeramos e a falta de concienciación dalgúns sectores da poboación.

Todo iso fai que cada ano 10 millóns de toneladas de lixo rematen nos océanos, procedente en parte da industria do mar (pesca, extraccións…), pero tamén dos nosos fogares.

Case un milleiro de persoas na edición anterior

Na edición do ano pasado da Limpeza Simultánea de Praias retiráronse do litoral galego preto de 900 kg. de residuos, principalmente microplásticos, cabichas e pauciños de limpar as orellas, e participaron máis de 800 persoas.

Dada a necesidade actual de extremar as medidas de precaución pola Covid-19, na vindeira Limpeza Simultánea de Praias, os grupos de voluntariado terán que seguir as debidas normas de seguridade sanitaria atendendo as restriccións de cada lugar en canto ao número de participantes.

ADEGA ofrece asesoramento ás entidades participantes e proporciónalles o material divulgativo e os protocolos de limpeza.

Súmate á limpeza de praias, enviando un correo a itziar@adega.gal, ou chamando ao teléfono 981570099

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*