Presión para a readmisión da directora do CEIP Luis Seoane de Oleiros


Máis de tres milleiros de sinaturas no momento de escribirmos estas liñas asinan na rede a campaña en prol da volta ao seu cargo de María José Ruíz, directora do CEIP Luís Seoane, en Oleiros, deica finais do mes de setembro.

O seu relevo do cargo abriu unha gran polémica no municipio xa que, segundo a propia afectada, tería sido obrigada a presentar a dimisión por parte da inspección educativa. Por este motivo, nais e pais, profesorado do centro e alumnado mobilizáronse para apoiala. Tamén o goberno local de Oleiros, que o pasado xoves 1 de outubro facía pública unha dura nota de prensa ao respecto, na que o alcalde, Ángel Seoane, afirmaba o seguinte: “Esta persoa é unha directora exemplar e entre todos e todas temos que loitar para que siga no seu cargo. Teño moi claro que se mañá se mantén o cese, faremos unha convocatoria a todo o pobo de Oleiros para mobilizarnos e protestar por esta actuación. É gravísimo!”.

Nesa liña, o venres día 2 de outubro máis dun cento de persoas concentráronse diante da escola en apoio da directora. En declaracións aos medios, o alcalde do municipio afirmou ter falado ese mesmo día co conselleiro e ter atopado receptividade ao respecto da posible restitución da directora ao seu posto.

Así o expoñen na plataforma Change.org:

“Obrigada a dimitir por mor de que un neno quedouse varias horas nun autobús escolar, sen darse conta diso nin o condutor, nin os coidadores que acompañan o roteiro do autobús, traballadores pertencentes a empresa contratada pola Xunta de Galicia. A responsabilidade dos sucedido non lle corresponde á directora do Centro, que durante os últimos anos mostrou un traballo incondicional, suplindo as carencias docentes causadas polos recortes, realizando un gran labor pola integración e a igualdade dos escolares. Xa abonda de inxustizas! Mesmo desde que empezou o colexio está todos os días acompañando no paso de peóns aos nenos, e suplindo á Policía local cando non pode comparecer”.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*