A compañía teatral A Panadaría gaña o premio Begoña Caamaño de cultura pola igualdade

Elisa e Marcela / Imaxe: A Panadaría

A compañía teatral A Panadaría é a gañadora do IV Premio Begoña Caamaño á acción cultural pola igualdade de xénero da Deputación da Coruña. O xurado optou pola compañía que levou á escena a historia de Marcela e Elisa polo seu compromiso feminista e a súa proposta arriscada e innovadora.

Fundada en 2013 por Areta Bolado, Ailén Kendelman e Noelia Castro, a compañía teatral A Panadaría é a gañadora da IV edición do Premio Begoña Caamaño segundo se fixo público esta mañá despois da reunión do xurado na Deputación da Coruña. O premio, que chega a súa cuarta edición, está dotado con 6.500 €.

Un xurado composto por Lucía Canoura, en representación do Observatorio da Mariña pola Igualdade, gañador da pasada edición do premio, a profesora especialista en Igualdade de Xénero, Carme Moure, a actriz e escritora Iria Piñeiro, a escritora e experta en xénero e desenvolvemento, María Reimóndez e a xestora cultural feminista, Clara R. Cordeiro, co deputado de Cultura, Xurxo Couto como presidente e a xefa de Servizo de Cultura, Mercedes Fernández Albalat como secretaria, optaron para conceder o premio pola compañía que levou á escena, entre outros proxectos, a historia do matrimonio de Elisa e Marcela. O xurado destaca seu “carácter intrinsecamente feminista desde a súa configuración empresarial até as súas prácticas laborais e estéticas, pasando polo seu traballo de creación de redes con diversos colectivos, nun contexto de setructuras fondamente patriarcais”.

Defende tamén que a da compañía gañadora é unha “proposta arriscada e innovadora que explora o efecto multiplicador do teatro e a capacidade que este ten para a transformación social”.

“A Panadaría leva a súa creación por diferentes espazos, non sempre amábeis, e amosa unha estética fondamente feminista de traballo corporal comprometida coa diversidade sexual e cun aproveitamento extremo de escasos recursos”, sinalou o fallo do xurado que tamén salienta a conexión entre o proxecto da compañía e o espírito do premio e da obra de Begoña Caamaño.

Nas anteriores edicións do premio, as gañadoras foron o Observatorio da Mariña pola Igualdade na terceira edición do premio; Elas tamén Pintan e Implicadas no desenvolvemento na segunda e a Libraría de Mulleres Lila de Lilith na primeira.

O premio naceu na Deputación da Coruña no ano 2017 en memoria da xornalista, escritora, activista cultural e feminista Begoña Caamaño coa finalidade de recoñecer as persoas e iniciativas culturais e artísticas que promoven socialmente a igualdade de xénero desde o campo da cultura.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*