Polo proxecto inclusivo da súa axencia de lectura.

No proxecto elixido na edición 2020 do Premio á Innovación Bibliotecaria recoñeceuse a capacidade desta entidade cultural para influír na comunidade e executar un proxecto de integración social que teña en conta as circunstancias de todos os veciños deste concello lugués. Para iso, apostouse pola adquisición de recursos bibliográficos adaptados como os libros de lectura fácil ou audiolibros, así como pola adaptación das instalacións reformando o aseo ou creando un novo acceso.
“As bibliotecas e dotacións culturais teñen que funcionar como espazos sen barreiras onde todos os colectivos poidan encontrar refuxio na cultura”, salientou o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, na entrega do premio.
O galardón premia así as iniciativas de colaboración entre a axencia de lectura municipal e outras entidades como o CEIP Rosalía de Castro, a residencia para persoas con diversidade funcional ou a propia área de Cultura do Concello de Bóveda converténdose nun “dos focos dinamizadores da cultura e da animación sociocultural neste concello”.