Máscaras desbotables: ao contedor verde

Usar máscara é unha responsabilidade, como tamén o é xestionala correctamente cando se converte en residuo.

Co apoio da Consellería de Medio Ambiente, Sogama lanzou unha campaña que, baixo o título “Non enmascares a túa responsabilidade: as máscaras desbotables, ao contedor da fracción resto”, explica como debe actuar o cidadán para evitar que os novos refugallos derivados do COVID-19 acaben abandonados na contorna natural.

O obxectivo desta iniciativa é informar e formar á poboación sobre os efectos perniciosos que ten este refugallo cando acaba abandonado na contorna natural, xa que tarda entre 300 e 400 anos en degradarse.

No vídeo (cunha duración de 1 minuto e 45 segundos), tómanse como referencia a coñecidos superheroes de ficción (Supermán, Superwoman, Ironman, Spiderman, Batman, Lady Bug e as Tartarugas Ninja) porque facer o ben tamén implica, no marco da pandemia do COVID-19, usar máscara, seguindo as directrices das autoridades sanitarias, e depositala no contedor convencional unha vez concluida a súa vida útil. Unha alternativa máis ecolóxica son as reutilizables, se ben debe comprobarse que contan coa protección necesaria e o certificado que así o acredite.

No caso do modelo Sogama, as máscaras desbotables, ademais de luvas e toalliñas, deben introducirse, xunto cos residuos non reciclables, no contedor verde convencional a fin de que sexan valorizadas enerxeticamente a máis de 850ºC, temperatura coa que se consegue eliminar patóxenos e axentes nocivos. Así se recolle nas instrucións publicadas no seu momento polo Ministerio de Sanidade e o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, onde se prioriza a valorización enerxética sobre o depósito en vertedoiro.

Pola súa banda, os botes plásticos de xel hidroalcohólico deben arroxarse ao contedor amarelo de recollida selectiva para que poidan ser reciclados e convertidos en novos produtos.

Preme aquí para acceder á campaña

VÍDEO

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*