Conferencia Só a ciencia nos salvará da pandemia

*Actualización:
Con motivo do Mes da Ciencia en Galego, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Institución Galega de Ciencia (Igaciencia), en colaboración co Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI), organizaron esta conferencia sobre a covid-19 da doutora Sonia Villapol Salgado. A conferencia tivo lugar o luns 16 de novembro entre 12:45 e 14:00 horas. Un total de 87 centros educativos e preto de 6000 estudantes participaron no webinario.

A doutora Sonia Villapol / Imaxe: SXPL

A investigadora galega, membro do Equipo de Investigación Internacional da covid-19 (COV-irt.org), disertou sobre a importancia e a maneira de coñecer o coronavirus para dominalo: conceptos básicos da covid-19, como se transmite a doenza e mais cales son os seus efectos, tratamentos e vacinas. A conferencia virtual foi seguida dun coloquio en que o alumnado formulou as súas dúbidas na plataforma habilitada polo Centro Autonómico de Formación e Innovación.

Pode consultarse aquí a gravación realizada na canle de Youtube do CAFI:

Villapol Salgado é unha destacada bióloga galega que actualmente traballa no Centro Médico de Texas (Houston, EE.UU.) e forma parte do Equipo de Investigación Internacional da Covid-19 (COV-irt.org). Nacida en Bretoña (Lugo), estudou o bacharelato no instituto de Meira, licenciouse en Bioloxía Molecular pola Universidade de Santiago de Compostela e doutorouse en Neurociencias pola Universidade Autónoma de Barcelona. Ten unha longa traxectoria investigadora en prestixiosos centros europeos e norteamericanos e adoita participar tamén en numerosas actividades de divulgación científica nos ámbitos educativo e cultural, onde dá mostras dunha especial capacidade para compartir o seu saber.

Mes da Ciencia

A Secretaría Xeral de Política Lingüística difunde no Portal da Lingua Galega (www.lingua.gal/edlg-dia-da-ciencia-en-galego) as actividades que desenvolven os equipos de dinamización da lingua galega dos centros educativos para fomentar a ciencia en galego. Estas iniciativas súmanse ás realizadas nas bibliotecas públicas da Consellería de Cultura, Educación e Universidade baixo a denominación Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*